Ucraína acepta a proposta dos EUA para declarar un cesamento do fogo con Rusia de 30 días
Isto acontece tras a reunión que altos representantes mantiveron cunha delegación dos Estados Unidos en Arabia Saudita
Zelenski pídelle aos EUA que convenza a Putin para que acepte a tregua de 30 días
Os EUA agardan que Rusia acepte a proposta do alto ao fogo aceptada por Ucraína
Ucraína aceptou este martes unha proposta de Washington para que tanto Kíiv como Moscova declaren un cesamento do fogo inmediato de 30 días de duración que agora lle será presentada ao Kremlin. Isto acontece tras a reunión que altos representantes mantiveron cunha delegación dos Estados Unidos en Arabia Saudita.
Washington tamén se comprometeu a volver fornecer axuda e información militar a Ucraína tras a decisión do presidente Donald Trump de interromper o fluxo de armamento e de intelixencia como medida de presión a Kíiv, para que accedese a negociar un cesamento do fogo con Rusia.
O acordo entre Ucraína e os Estados Unidos foi anunciado na declaración conxunta asinada por ambas partes tras a reunión que as delegacións mantiveron en Arabia Saudita.
"Ucraína expresou a súa disposición para aceptar a proposta dos EUA de declarar un cesamento do fogo inmediato de 30 días que pode estenderse co acordo mutuo das partes e que está suxeito á aceptación por parte da Federación Rusa", di na declaración.
O comunicado conxunto resalta a importancia de tomar, durante o cesamento do fogo proposto, medidas humanitarias como "o intercambio dos prisioneiros de guerra, a liberación dos civís detidos e o retorno dos nenos ucraínos transferidos á forza" a territorios baixo control ruso ou á Federación Rusa.
Tamén se comprometeron a asinar "o máis pronto posible" o acordo para a explotación conxunta dos recursos minerais ucraínos que debe permitir "a expansión da economía de Ucraína", que o país invadido por Rusia reciba garantías de "prosperidade e seguridade a longo prazo" e que os Estados Unidos recuperen os cartos investidos en apoiar a Ucraína durante esta guerra.
A declaración fai constar que Ucraína pediu na reunión que Europa sexa incluída no proceso de paz.
Zelenski pídelle aos EUA que convenza a Putin
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, pediulle aos EUA que convenzan o presidente ruso, Vladímir Putin, para que tamén faga o propio.
"Ucraína acepta esta proposta. Consideramos que é positiva. Estamos preparados para dar este paso", dixo Zelenski nunha alocución en vídeo difundida nas súas redes sociais.
O presidente ucraíno agregou que os Estados Unidos "deben convencer a Rusia" para que faga o mesmo. Zelenski engadiu que durante esta tregua dun mes, elaborará xunto aos seus socios os "documentos de traballo" necesarios para conseguir "unha paz sólida" e "garantías de seguridade duradeiras".
O presidente ucraíno agradeceu ao seu homólogo, Donald Trump, a súa actitude "construtiva" para lograr a paz, e destacou a importancia da decisión de Washington de renovar o envío de armamento e de información de intelixencia a Ucraína.
Os EUA agardan que Rusia acepte a proposta do alto ao fogo aceptada por Ucraína
O secretario de Estado estadounidense, Marco Rubio, asegurou desde a cidade saudita que espera que Rusia acepte a proposta de trinta días de cesamento do fogo inmediato que foi aceptada por Ucraína e, de non ser así, xa se saberá quen é o "impedimento para a paz".
"Ucraína está disposta a deixar de disparar e empezar a falar e agora dependerá deles (Rusia) dicir si ou non. Espero que digan que si e, se o fan, creo que sería un gran avance. Se din que non, entón saberemos cal é o impedimento para a paz aquí", afirmou Rubio xunto ao conselleiro de Seguridade Nacional da Casa Branca, Mike Waltz.
O xefe da diplomacia estadounidensse, tras unha reunión de varias horas coa delegación de alto nivel ucraína, indicou que "o mellor xesto de boa vontade" que poden facer o rusos é "dicir si á oferta que os ucraínos fixeron para deter os disparos, para deter os combates e chegar á mesa" de negociacións.
Apuntou que esta proposta será entregada a Rusia "a través das nosas canles diplomáticas, mediante conversacións e outros métodos".