Miguel Fernández convértese no novo alcalde de Lugo
Sucede na alcaldía a tamén socialista Paula Alvarellos, finada de xeito repentino hai dez días
Miguel Fernández xa é o novo alcalde de Lugo. Foi investido nun pleno extraordinario celebrado dez días despois do falecemento repentino da anterior rexedora, a tamén socialista Paula Alvarellos, por quen se gardou un minuto de silencio. O grupo municipal, xunto do PSdeG, acordou a semana pasada que Fernández había ser o candidato a tomar a súa remuda na alcaldía.
Ademais do apoio dos oito concelleiros do seu partido, entre os que figura o novo edil Waldir Sinisterra, o novo rexedor tamén obtivo o voto dos cinco concelleiros do BNG, cuxo voceiro, Rubén Arroxo, exerceu as funcións de alcalde dende o pasamento de Alvarellos.

Pola súa parte, os doce edís restantes, do PP, de forma excepcional renunciaron a que a súa voceira, Elena Candia, fose candidata, e votaron en branco. Miguel Fernández, por tanto, fíxose co bastón de mando con trece votos dos membros da corporación municipal.
"Iniciamos unha etapa ilusionante, co proxecto da transformación do noso centro histórico na súa recta final, obras para as que asumo o compromiso de concluír á maior brevidade, e de seguir estendendo este proceso de modernización aos nosos barrios e ás nosas 54 parroquias", dixo Miguel Fernández, alcalde de Lugo.
Nado en Ribeira de Piquín hai 70 anos, Miguel Fernández é o oitavo alcalde de Lugo dende as primeiras eleccións democráticas, e o cuarto consecutivo do PSdeG. Unha das primeiras tarefas que deberá afrontar será a repartición das áreas de goberno.