Un misterio baixo Santalla de Bóveda, en Lugo
O templo pagán permanece pechado ao público co fin de mellorar a súa conservación
Corría o ano 1926 cando o crego de Santalla de Bóveda de Mera, en Lugo, descubría un templo que permanecera soterrado durante séculos baixo a igrexa parroquial.
Dende entón, os arqueólogos non puideron aínda darlle unha explicación segura á súa orixe ou a súa finalidade. Só se admite que se trata dun templo pagán erixido na época tardorromana. E, por se fose pouco, non ten parangón en todo o territorio ocupado por Roma.
"Estamos falando de que probablemente nas súas orixes fose un templo pagán que no século IV se converteu nun edificio de culto ás augas buscando un aproveitamento da auga", explica Belén López Gallego, arquitecta.
Unha residencia dun nobre galaicorromano de hai uns 1700 anos, coñecida como 'pars urbana', semella ser a orixe deste templo. Así o sinalan os arquitectos que mellor coñecen o monumento e que redactaron un plan director para mellorar a súa conservación.
Agora, este plan mantén restrinxido o acceso, co fin de conseguir as mellores condicións para que as pinturas non se estraguen debido á humidade.
Cando xa só faltan meses para celebrar os cen anos da súa descuberta, agárdase que o templo de Santalla de Bóveda poida acoller de novo visitantes co gallo do seu centenario.
Iso si, mantido nas mellores condicións para que as xeracións futuras teñan a oportunidade de admirar as numerosas aves que o decoran, como faisáns, galos ou perdices, ou un dos arcos de ferradura máis antigos de Europa.