Aviturga denuncia que o rexistro único de alugueiros pechará milleiros de vivendas turísticas
Considera que impón unha duplicidade de rexistros que vulnera a norma europea
Nun ano o número de vivendas turísticas medrou un 21% en Galicia
Nun ano o número de vivendas turísticas medrou un 21% en Galicia, unha expansión significativa que intentan acotar as cidades con ordenanzas como a que tramita o Concello da Coruña, que, segundo Aviturga, obrigará a pechar o 80% dos pisos. Non é o único escollo ao que se enfrontan os propietarios.
A partir do un de xullo o rexistro único de alugueiros de curta duración obrigará ás vivendas de uso turístico a facilitar un número identificativo do Rexistro da Propiedade para poder operar nas plataformas dixitais. A asociación Aviturga considérao inncesario porque son propiedades que xa constan no rexistro de Turismo de Galicia e adianta que expulsará do mercado miles de aloxamentos.
"Galicia é unha das comunidades con menor índice de vivendas dadas de alta no Rexistro de Propietadade, que é voluntario. Ao non estar dados de alta non poderían obter o número para comercializarse nas plataformas da internet", explica Rafael Serrano, vicepresidente de Aviturga.
Somos unha das comunidades onde máis medra a oferta de vivendas de uso turístico. Actualmente hai dadas de alta unhas 26.000. En 2017 apenas chegaban a un milleiro. A Coruña tramita unha nova ordenanza que restrinxe estes aloxamentos a baixos e primeiros pisos ou a edificios completos. A normativa aplicarase con carácter retroactivo e, segundo Aviturga obrigará a pechar preto do 80% dos pisos.
" Reclamamos seguridade xurídica. Non se pode aplicar con carácter retroactivo unha norma que prexudica as persoas que veñen cumprindo con todo o que lles esixiron ata actualiade. Non pode cambiarse a normativa sen respectar os dereitos dos propietarios que o fixeron todo ben", engade.
Para a asociación que agrupa os propietarios, a ordenanza é un traxe a medida para os grandes investidores e grupos hostaleiros e en ningún caso solucionará o problema da vivenda na Coruña, onde se estima que hai máis de 20.000 pisos baleiros.