A escasa oferta dispara os prezos da vivenda vacacional nas zonas máis turísticas
Cada vez resérvase con máis anticipación, mesmo dun ano para outro
As vivendas vacacionais, esas que se alugan durante quince días ou un mes no verán, escasean desde hai meses nas zonas máis turísticas de Galicia. Cada vez reservamos con máis anticipación, mesmo dun ano para outro.
"A xente tende a alugar dun ano para o outro polo medo á perda. Se estiveches a gusto nunha quincena xa intentas reservar para o ano seguinte", explica Emma Martínez, presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias, AGALIN.
As inmobiliarias detectan un crecente interese entre os propietarios por volver ao mercado de alugueiro tradicional polas bonificacións fiscais e a menor carga burocrática. Tamén perciben que cada vez hai máis persoas interesadas en instalarse en determinadas poboacións máis aló dos meses de verán: "Estas poboacións están enchéndose de xente todo o ano grazas á conectividade e ao teletraballo", recoñece a presidenta das inmobiliarias de Galicia.
Sumando todos estes factores, restamos vivendas para o alugueiro vacacional. Con menos oferta, dispáranse os prezos, pero isto non é novidade.
"Sempre pasou isto. Hai determinadas poboacións que se enchen e os prezos dispáranse, pero hai localidades na contorna das de gran demanda nas que segue habendo pisos", asegura Emma Martínez.
Será cuestión de ampliar o radio de busca e animarse a descubrir outras posibilidades.