Olivarnoia impulsa o cultivo de oliveiras no Ribeiro e promove un proxecto de divulgación e turismo
A idea é facer un miradoiro na zona onde teñen o seu lagar, e tamén unha aula de cata e divulgación para dar a coñecer o proceso de elaboración do aceite de oliva
Din que cada ano hai máis xente que está comezando a plantar oliveiras e cren que hai potencial para poder sacar no futuro un aceite de oliva ao mercado
Na Arnoia están a apostar polo cultivo das oliveiras. Naceu a Asociación Olivarnoia e nos últimos anos aumentaron as plantacións. Por agora, producen para o autoconsumo, pero xa teñen un proxecto para potenciar a produción do aceite de oliva na zona.
Hai catro anos que un grupo de veciños do concello ourensán da Arnoia comezaron a recuperar terreos abandonados para dedicalos ao cultivo de oliveiras. Así naceu a Asociación Olivarnoia, contan cunha prensa e producen o seu propio aceite de oliva para o autoconsumo.
"Recuperas o rural, non ves todo ermo e quítaslle un rendemento", asegura José Antonio Torres, o Presidente da Asociación Olivarnoia.
Conta José Antonio Torres que empezaron nove persoas e agora xa son 14 e din que cada ano está indo máis xente a procesar o aceite. Pola súa banda, Manuel Fernández, di que o cultivo da oliveira require menos traballos que as vides e que por iso moita xente está apostando por este cultivo. Pero din que se queren darlle servizo á comarca do Ribeiro, teñen que ampliar a maquinaria da que dispoñen.
Para iso precisan financiamento. Queren pór en marcha un novo proxecto que aposta tamén pola divulgación do proceso de elaboración do aceite de oliva, tal como se facía antano. A idea é facer un miradoiro na zona da almazara, e tamén unha aula de cata e divulgación para dar a coñecer o proceso de elaboración do aceite de oliva.
Ademais de converter a súa actividade nun reclamo turístico máis, desde Olivarnoia pensan que hai potencial abondo na zona pra nun futuro lanzar o seu produto ao mercado.