300 nenas e nenos emulan a procesión dos adultos na Semana Santa Infantil de Viveiro
Ano a ano, a participación vai en aumento
Moitas tradicións pasan de xeración en xeración sen esforzo, só por imitación, con moito éxito. Unha delas é a Semana Santa Infantil de Viveiro emula en todo as procesións dos adultos e case ten tanto público coma elas.
O que comezou hai trinta e tantos anos como unha reunión de veciños, amigos e familias do Campo da Urraca chega xa aos 300 participantes miúdos. Poucos se resisten a emular os maiores portando réplicas a pequena escala dos pasos da Semana Santa. Quen non pode portar vai como romano, acólito ou leva estandarte.
Beatriz Rego, da organización do evento, confirma que cada vez se apuntan máis nenos porque imitar os seus maiores.
Véñennos pedindo que queren levar tal paso porque o leva miña nai ou quero ir de mantilla porque vai miña tía ou simplemente porque lles gusta.
Pode participar calquera neno que leve o traxe da casa nunha procesión que intenta ser un reflexo das verdadeiras e igual de seria explica a organización.
Respectamos a orde dos maiores, cada santo coa súa cronoloxía e procuramos que sexa unha cousa seria. Cando nos chegan pedindo un disfrace, dicímoslles que non é un disfrace senón un traxe.
Comezan tan pequenos que xa hai veteráns con cinco anos de experiencia como Cristian Torrente, portador das Sete Palabras do Calvario ou Antía Eiroa, portadora do paso da Piedade. E canda eles, a ilusión e nervios dos que se estrean como Noa Pigueiras, tamén portadora da Piedade que confesa sentirse emocionada e un pouco nerviosa.
A música tamén corre a cargo de bandas infantís e enche as mesmas rúas polas que transcorre a Semana Santa adulta.