Sofre queimaduras no estómago tras beber auga con gas nun bar de Vigo: "foi unha dor insoportable"
A Policía Nacional encárgase da investigación
O afectado dí que "non sabe se estaba selada", pero que si sentiu o "ruído típico" ao abrir unha botella destas características.

A Policía Nacional investiga as queimaduras rexistradas no esófago e no estómago dun home tras beber un vaso de auga con gas nunha cafetería de Vigo.
O propio afectado, Pablo González, explicou que todo ocorreu cando foi cuns amigos a unha tapería da zona de Pizarro, en Vigo, onde pediu unha auga con gas mentres decidían que comer.
"Servíronme a auga con gas nunha botella de cristal con rosca. Abrina, boteina nun vaso con xeo e limón, bebín un grolo e notei que non sabía a auga. Empezoume a queimar a boca e o primeiro que fixen foi beber do refresco dun amigo. Tiña moitísimo dor ao notar baixar aquilo pola gorxa", relatou Pablo González.
Tras esa "dor insoportable" foi ao baño para beber auga da billa, pero notaba que "se estaba queimando vivo por dentro", polo que pediu aos seus acompañantes que o levasen ao servizo de urxencias do punto de atención continuada e, posteriormente, foi trasladado ao Hospital Ribeira Povisa.
Alí dixéronlle que non era recomendable vomitar, a pesar de que a dor foi durante horas "moi intensa".
"Retorcíame de dor na padiola. Non soportaba a dor de estómago", explica González, para engadir que tras unha gastroscopia os médicos dixéronlle que tiña o estómago "totalmente negro, chamuscado", así como a parte baixa do esófago.
Desde entón, segundo as súas propias declaracións e tal como avanzou o seu avogado, Ignacio Amoedo, leva case 15 días hospitalizado sen poder inxerir nin sólidos nin líquidos vía oral, só alimentándose de forma parenteral.
Precisamente este venres permitíronlle beber auga por primeira vez tras todos estes días, indicando el que lle sentou "ben".
Preguntado sobre a botella de auga con gas que provocou esta situación, tratábase dun envase dunha coñecida marca e el "non sabe se estaba selada", pero si sentiu o ruído típico ao abrir unha botella destas características.
Ademais, asegurou que directivos da compañía desprazáronse ao hospital para preocuparse pola súa saúde e chamárono en varias ocasións. Por agora descoñécese que clase de líquido había o en interior da botella, polo que a Policía estuda o caso para exclarecer o ocorrido.