O Sergas e Povisa asinan o novo contrato para asistencia sanitaria en Vigo por 195 millóns de euros
A Xunta realizará os pagos ao hospital en función dos procesos realmente realizados
Povisa deberá destinar polo menos un 3 % do importe anual do contrato a obras de mellora das instalacións así como á adquisición de novos equipamentos

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o hospital Povisa asinaron electronicamente o novo contrato de servizos sanitarios especializados na área de Vigo, por un importe de 195 millóns de euros e unha vixencia de dous anos.
O acordo ten como obxectivo garantir a asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada dunhas 116.000 persoas, que poderán elixir libremente esta opción.
Os beneficiarios serán pacientes asignados aos centros de saúde dos municipios de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e os que se determinen do municipio de Vigo.
Unha das principais novidades do contrato é que a Xunta de Galicia realizará os pagos a Povisa en función dos procesos realmente efectuados e non mediante o sistema per cápita, como viña facendo ata o de agora, en cumprimento das "recomendacións do Consello de Contas".
O novo acordo contempla a creación dunha unidade de supervisión e control que permitirá á Xunta garantir o correcto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial.
En canto ás prestacións, as de maior complexidade hospitalaria reservaranse para o hospital público Álvaro Cunqueiro, pola súa capacidade tecnolóxica e diagnóstica de vangarda.
O contrato tamén establece que Povisa deberá destinar polo menos un 3 % do importe anual do contrato a investimentos en obras de mellora das instalacións así como á adquisición de novos equipamentos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.
Povisa asume o compromiso de aplicar os incrementos salariais pactados no convenio colectivo, o que implicará unha subida do 3 % para os seus profesionais no ano 2025.