Soben a 225 as vítimas mortais da derruba do teito da discoteca de Santo Domingo
A filla dunha das vítimas, o cantante Rubby Pérez, vai demandar o propietario da discoteca
Expertos nacionais e internacionais determinarán as causas do accidente
Aumenta a 225 o número de persoas falecidas na derruba do teito dunha discoteca en Santo Domingo. Son catro vítimas máis que no ultimo reconto e o falecemento produciuse nos centros de saúde onde estaban ingresadas.
De momento, descoñécense as causas do accidente, pero a filla do cantante Rubby Pérez, falecido no sinistro, xa anunciou que vai demandar os donos da discoteca.
Zulinka Pérez está convencida de que a caída do teito da discoteca Jet set de Santo Domingo debeuse a unha neglixencia da que responsabiliza o propietario do establecemento.
A filla do cantante lembra que viu morrer a seu pai esmagado por unha trabe e considera que o dono da discoteca debe responder ante ela e ante as vidas que se perderon.
A cifra podería aumentar
Segundo o ultimo reconto son 225 pero non se descarta que a cifra vaia aumentando. Os catro Últimos falecidos estaban ingresados en centros de saúde. Ademais, hai case 200 persoas feridas.
As familias buscaron os seus nos hospitais e moitas acabaron concentrándose ás portas do Instituto Forense. Alí tiveron que identificar os corpos e agardar a que finalizasen as autopsias para recoller os restos dos seus familiares.
O goberno dominicano publicou este venres un informe sobre a traxedia pero sen clarexar as causas. Será unha comisión de expertos nacionais e internacionais a que determinará os motivos polos que o tellado da discoteca se veu abaixo.