Publicador de contidos

Publicador de contidos

Depositan unha coroa de flores no río Hudson en lembranza da familia española falecida

Depositan unha coroa de flores no río Hudson en lembranza da familia española falecida

Un irmán dos falecidos, o alcalde de Nova York e a cónsul xeral de España foron os encargados de depositar as flores

Os investigadores barallan tres hipóteses: o impacto con paxaros, cun dron ou un fallo mecánico

O consulado intenta axilizar os trámites para repatriar os corpos dos cinco españois falecidos no accidente

G24.gal 12/04/2025 14:29 Última actualización 12/04/2025 22:35

Un dos familiares dos cinco españois falecidos o xoves nun accidente de helicóptero, co alcalde da cidade, Eric Adams, e a cónsul xeral de España en Nova York, Marta de Blas, depositaron hoxe unha coroa de flores no río Hudson en lembranza das vítimas do sinistro.

"Este xesto simbólico é a nosa forma de recoñecer que as nosas palabras non poden traer de volta os seus familiares, pero si que, como neoiorquinos, sumámonos ao voso momento de dor, unha dor tamén inesperada para Nova York (...). Estamos coa comunidade española", dixo Adams desde o peirao 40 da Gran Mazá tras a colocación da coroa de flores.

A familia falecida estaba conformada polos executivos de Siemens Agustín Escobar e a súa esposa Mercè Camprubí, así como os seus fillos de 10, 8 e 4 anos.

O irmán de Mercé Camprubí expresou emocionado desde Nova York que os seus familiares se foran "sen sufrir e cun sorriso, e iso é importante para nós como familia."

"Poden imaxinar que estamos tratando de asimilar toda a situación. Queremos que o traslado dos corpos se faga o antes posible e telos de volta na casa para que toda a familia descanse en paz xunta", dixo Joan Camprubí.

Os mergulladores da Policía buscan os restos do helicóptero sinistrado no río Hudson

Os mergulladores da policía buscan no río Hudson  os restos do helicóptero sinistrado o xoves en Nova York, que lle custou a vida a unha familia española. Os corpos de Agustín Escobar, Mercé Camprubí e os tres fillos da parella, menores de idade, vítimas do accidente de helicóptero rexistrado o xoves en Nova York, non van ser repatriados de momento. Desde o consulado español lembran que este tipo de operacións implican numerosos trámites, aínda que están intentando axilizalos o máximo posible.

Tampouco se sabe moito sobre o sucedido. As imaxes gravadas por testemuñas mostran que o helicóptero partiu e as aspas e a cola separáronse do corpo principal antes de caer en picado ás augas do río Hudson. Partes do aparello recuperáronse o mesmo día do accidente pero agora os mergulladores da Policía buscan os dous rotores que faltan, o principal e o da cola, e a transmisión principal do helicóptero.

Os investigadores non descartan ningunha hipótese desde o impacto cunha bandada de paxaros, a intromisión dun dron ou un fallo mecánico. Ao parecer, os rexistros da Administración Federal da Aviación indican que o helicóptero sinistrado foi construído en 2004, que tiña máis de 13.000 horas de voo, e que no mes de setembro tivo un problema de transmisión.

Os expertos van examinar, ademais dos restos do aparello, a experiencia do piloto, que tamén faleceu no accidente, e o historial da empresa que xestiona estas visitas turísticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade