Publicador de contidos

Publicador de contidos

Empresas galegas renuncian a visitar novos mercados de gran potencial comercial

Empresas galegas renuncian a visitar novos mercados de gran potencial comercial

Misións a países como Uzbekistán quedan desertas porque as compañías cren que é complicado facer negocios alí

A previsión é que en Asia Central ou no golfo Pérsico vaia medrando unha clase media de alto poder adquisitivo

As entidades de promoción comercial din que eses mercados teñen moito potencial
G24.gal 11/04/2025 15:36 Última actualización 11/04/2025 17:07

Ante as barreiras que levantan os Estados Unidos, Europa desvía o rumbo cara a mercados alternativos. A UE anima as súas empresas a estreitar relacións con outros países, dende o Mercosur ao sueste asiático.

Pero en Galicia aínda miramos con reticencia cara a algunha desas áreas. Misións que se fan dende aquí a Asia Central quedan ás veces desertas, porque moitas empresas non o teñen claro para buscar oportunidades alí.

As entidades de promoción comercial din que eses mercados teñen moito potencial aí e que hai que animarse a descubrilos.

"Hai áreas como o golfo Pérsico ou Oriente Medio moi emerxentes, países como Emiratos Árabes, Arabia Saudita ou Omán", sinala Augusto Álvarez-Borras, o director de Internacionalización do Igape".

"Todos os 'tans', países como Uzbekistán, etcétera. Aí organizamos misións que ás veces quedan desertas", apunta Víctor Varela, o director xerente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. "Existe unha certa percepción de que ir a eses países é complicado e son países cunhas grandes oportunidades".

Pois alí, en Asia Central, acaba de dar os primeiros pasos a presidenta da Comisión Europea, que foi a Uzbekistan a abrir un camiño que poidan seguir tamén empresas galegas. "É verdadeiramente o inicio dunha nova era na nosa antiga amizade", declarou en Samarcanda Úrsula von der Leyen.

"Algúns deses países nadan en petróleo", di o xerente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, "e necesitan infraestrutura, bens de consumo e van ter unha clase media potente".

"O metal mecánico, o auxiliar do naval, todo o paquete do agroalimentario galego", son os sectores con proxección nesas áreas, din dende o Igape.

O consello de sempre vale na economía: non poñer todos os ovos, nin todos os contedores, no mesmo cesto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade