O comisario europeo de Comercio negociará sobre os aranceis o luns en Washington
A UE asegura que quere chegar a acordos "mutuamente beneficiosos"
Bruxelas calcula que os aranceis poderían reducir o PIB 0,2 % na UE e 1,4 % nos EUA

O comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, manterá o vindeiro luns negociacións en Washington co seu homólogo estadounidense, Howard W. Lutnick, en plena guerra comercial cos Estados Unidos, despois de que o presidente Donald Trump rebaixase os aranceis globais ao 10 % e Bruxelas suspendese as contramedidas europeas.
"Sefocvic viaxa con boa fe para tratar de atopar solucións que nos beneficien a todos", dixo o portavoz de Comercio da Comisión, Olof Gill, sen detallar os puntos concretos que tratará nas súas conversacións.
O portavoz insistiu en que a UE quere chegar a "acordos mutuamente beneficiosos" cos Estados Unidos "para evitar aranceis e para evitar calquera tipo de escalada daniña que serían prexudiciais a ambos os dous lados do Atlántico e, de feito, para a economía global".
A Unión Europea suspendeu este xoves durante 90 días os aranceis do 25 % a importacións estadounidenses que aprobou hai dous días, en resposta ás recargas que Trump impuxo ao aceiro e ao aluminio, coa intención de negociar con Washington unha desescalada da guerra comercial.
Bruxelas deu marcha atrás á medida, despois de que Trump pausase o mércores a aplicación dos aranceis "recíprocos" do 20 % que aplicara aos bens europeos, que quedarán agora durante 90 días no 10 %.
Os Estados Unidos, con todo, seguirá aplicando un arancel do 25 % ás importacións europeas de aceiro, aluminio e automóbiles.
Sefcovic, que desde o venres pasado mantivo xa dúas conversas telefónicas con Lutnick, viaxará a Washington xunto a Björn Seibert, o xefe de gabinete da presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen e ambos tratarán de descifrar ata que punto están os Estados Unidos dispostos a negociar unha solución á guerra comercial.
Bruxelas calcula que os aranceis poderían reducir o PIB 0,2 % na UE e 1,4 % nos EUA
A Comisión Europea calcula que a imposición de aranceis reducirá o produto interior bruto (PIB) da Unión Europea nun 0,2 % ata 2027, mentres que o impacto para os Estados Unidos será de entre o 0,8 e 1,4 % nese período, segundo dixo este venres o comisario de Economía, Valdis Dombrovskis.
Se se percibe que os aranceis serán permanentes ou se se adoptan máis medidas de represalias "as consecuencias serán máis negativas", cun recorte de entre 0,5 e 0,6 puntos no bloque comunitario e de entre 3,1 e 3,3 puntos no caso dos Estados Unidos, dixo tras unha reunión de ministros de Economía e Finanzas da eurozona.
Para o conxunto da economía global, este escenario supoñería un recorte do 1,2 % e unha caída do comercio mundial do 7,7 %, engadiu o comisario europeo, quen precisou que estas simulacións non poden ser totalmente precisas dada a "extraordinaria incerteza e decisións sobre aranceis rapidamente cambiantes".
"Está claro (...) que serán os Estados Unidos quen se verán máis golpeados polos aranceis", dixo Dombrovskis, argumentando que estes reducirán o poder adquisitivo dos consumidores, así como os salarios reais, e farán os bens intermedios importados para a produción máis caros nese país.