O camiño bota andar en Semana Santa con dúas mil compostelas diarias
O tempo desapracible non afecta aos peregrinos, que seguen cumprindo coa tradición do Camiño
As cifras rexistran un descenso de camiñantes, pero faltan por contabilizar os que chegarán na Semana Santa
A ruta xacobea segue atraendo camiñantes a Santiago e máis na Semana Santa, que marca o inicio da chegada intensiva de peregrinos. Nin sequera a choiva semella restar folgos no ánimo dos esforzados visitantes. Que llo digan a Janiña, arxentina que leva no camiño seis días e tres bochas nos pés, pero "moi ben, moi contenta", conta.
Aínda que as cifras presentan un descenso de preto dun vinte por cento de camiñantes con respecto ao ano pasado, dende a oficina do peregrino sinalan que non están contabilizados os visitantes que van chegar esta semana festiva. De feito, afirman estar entregando unhas dúas mil compostelas diarias.
"As dúas primeiras etapas había moi pouca xente pero logo, a partir da segunda etapa, cando o camiño se xunta co de Sarria xa hai bastante xente", relata José Manuel, que vén de Madrid. Fai a ruta coa súa parella, Mónica, á que non lle incomoda a multitude de camiñantes: "Tamén dá moita ledicia porque o camiño fano moitos grupos de colexios e institutos, e teñen unha alegría tremenda", conta.
Un ano máis os estranxeiros son os máis fieis á ruta, representan máis da metade dos camiñantes. Pero a compoñente peninsular, e tamén galega, seguen a ser moi importantes nesta época.
As previsións para os seguintes días apuntan cara a un tempo desapracible, pero a ilusión dos peregrinos por chegar a Santiago semella superar calquera obstáculo que apareza no camiño.