Seleccionan as raíñas para conseguir abellas máis produtivas e resistentes
O apicultor francés Gilles Fert, que leva 40 anos dedicándose á cría e selección de nais, compartiu a súa experiencia con produtores galegos en Celanova nunhas xornadas organizada polo Sindicato Labrego Galego.
A varroa, as velutinas, o cambio climático ou a contaminación son algúns dos problemas que ameazan o sector apícola. A través da selección das raíñas poderíamos facerlles fronte, obtendo exemplares máis resistentes e produtivos. Un dos maiores expertos internacionais neste eido, o francés Gilles Fert, estivo este sábado en Celanova, asesorando os apicultores.
O proceso comeza agora na primavera e require de varios anos de observación e traballo para conseguir aquelas nais que producen máis mel pero tamén que teñen máis crías para cambater o ataque da vespa asiática ou que resisten mellor os ataques de varroa.
Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego, lembra que é importante aprender a facerlles fronte a estes problemas para conseguir un sector máis competitivo, capaz de loitar con outro dos retos que non se atopa nas colmeas senón nos mercados: a importación de mel a baixo custo.