O prezo de ser celíaco
Os produtos sen glute encarecen en 1.000 euros a cesta da compra
A baixada do IVE do pan sen glute ao 4% non se reflicte en todos os comercios
O informe de prezos da Asociación de Celíacos estima que as persoas que non poden consumir glute gastan de media mil euros máis na cesta da compra. Aínda que desde febreiro o pan sen glute ten o IVE reducido, observan que en moitas ocasións o prezo final non baixou o que se agardaba.
A Asociación de Celíacos publicou esta semana o estudo de prezos do ano 2025, que corresponde ao primeiro cuadrimestre, e que valora o prezo de facer unha dieta sen glute e o gasto adicional que supón.
"Vemos que esa cesta da compra non diminúe o seu prezo. Seguimos uns 1.000 euros por enriba dunha cesta dunha persoa que non sofre celiaquía. Se ademais falamos de que esta é unha enfermidade cun carácter xenético, podémonos atopar facilmente que nunha vivenda haxa ata tres ou catro celíacos. Co que estamos incrementando o prezo da cesta da compra en 3.000 ou 4.000 euros para unha familia celíaca", asegura Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia
No mes de febreiro o Ministerio de Facenda rebaixou o IVE do pan sen glute do 10 ao 4%, pero desde a Asociación observan que en moitos casos os comerciantes non fixeron esa redución no prezo final do pan.
"Estamos facendo unha investigación e pedíndolle aos nosos socios que nos acheguen tíckets da compra para poder verificar realmente se ese desconto do IVE se está a realizar ou non. Vemos en moitos casos que temos a resposta do comerciante de que non o poden aplicar porque teñen unha suba de custos por outro lado. Polo tanto non se cumpriría coa normativa da baixada do IVE do 6 %. Temos que pensar que unha barra de pan para unha persoa non celíaca custa 1 euro ou 1,50. Para unha persoa celíaca non a podemos atopar por menos de 3 euros a barra de pan. É máis do dobre", explica Bernárdez
Demandan que esa redución non se aplique só ao pan e ás fariñas, senón que se inclúan outros alimentos básicos como a pasta, as galletas ou os cereais do almorzo.