O prezo dos ovos dispárase nun contexto marcado pola gripe aviaria e o aumento da demanda
Os avicultores galegos aseguran que esta suba duns 50 céntimos na ducia de ovos era necesaria para poderen cubrir os custos de produción
O sector avícola tamén enfróntase nos vindeiros anos a reformas lexislativas europeas sobre o benestar animal e non desbotan que os prezos poidan subir aínda un pouco máis
Xa o notarían nas tendas e supermercados. Subiu o prezo dos ovos e xa son un 25% máis caros que no mes de febreiro, segundo a Organización de Consumidores.
Hai semanas que o prezo dos ovos disparouse ata os 12 e 14 euros a ducia nos Estados Unidos por mor da gripe aviaria que sofren.
Aquí a suba foi de 50 céntimos a ducia. Pero o sector avícola tamén está preocupado pola presenza da gripe aviaria en Europa e temen que se poida estender a España e a Galicia.
"Agora mesmo temos unha situación anómala, hai unha situación de gripe aviaria en gran parte do mundo, principalmente en Estados Unidos, pero tamén é certo que hai en Europa, en Italia, Turquía, que o que está facendo é que desapareza unha gran cantidade de animais. Os prezos evidentemente están subindo. Cando hai un tema de oferta e demanda, que é o que está ocorrendo agora mesmo e coa incursión que está facendo de Estados Unidos, si que hai unha suba. E unha regularización dos prezos porque é certo que España viña cuns prezos que non estaban actualizados e era quizais o país cos prezos máis baixos da Unión Europea", explica Rodrigo García, presidente da Asociación Galega de Avicultura de Posta.
"España é un gran produtor de ovo e o que ocorre é que veñen os mercados exteriores a buscar o ovo a nivel nacional e hai grandes produtores que están a enviar ovo fóra de España", di Rodrigo García.
"A gripe aviar está atacando a Europa e xa se está achegando a España. Temos brotes de salmonela. Con cada brote temos que sacrificar aos animais. En Portugal están na mesma situación. Entón a produción é menor á demanda que hai", afirma Carlos Docampo Gabian, xerente de Avícola Amoeiro.
Os produtores galegos din que era unha suba necesaria que nada ten que ver coa especulación.
"Non é especulación. Era necesaria esta subida, senón quedábanos pouco tempo de vida aos avicultores. Temos que cubrir os custos: o cartón, o cereal, o transporte e a distribución subiron. Se non chega a ser por esta subida do prezo dos ovos pásanos o que lles pasa a moitos: granxa que se pecha granxa que non volver a abrir. Non hai relevo xeracional por culpa de que ninguén quere traballar nesta situación", di Carlos Docampo.
"A categoría máis barata anda sobre o 2,60 euros a ducia e a máis caro 3,50 euros a ducia. Son valores cos que podemos comezar a respirar para poder asumir os custos e as reformas que temos que facer", indica Carlos Docampo.
O sector avícola tamén enfróntase nos vindeiros anos a reformas lexislativas europeas sobre o benestar animal. E non desbotan que os prezos poidan subir aínda un pouco máis nos vindeiros meses. Pero os avicultores galegos pídenlles confianza aos consumidores e mandan unha mensaxe de tranquilidade.
"Si que é certo que Galicia non é unha das grandes produtoras, pero si que é moi local e ten moitos granxeiros e produtor local que o que garanten é o abastecemento", afirma Rodrigo García.
"A garantía que teñen que ter os consumidores galegos é que temos grandes produtores galegos con firmas moi importantes que creo que van garantir sen dúbida o subministro, que agora é o máis importante. Que haxa subministro nos estantes dos supermercados e Galicia neste sentido creo que está moi protexida", di Rodrigo García.
"Eu penso que ninguén vai quedar sen ovos, e polo menos producidos en Galicia, que é o que a xente prefire", afirma Carlos Docampo.
Por exemplo, con 100.000 galiñas de posta no centro de produción de Avícola Amoeiro sacan ao día uns 80.000 ovos, dos cales un 90% vai directamente á hostalería.
O ovo é un alimento básico na cesta da compra e moi empregado na nosa gastronomía cun alto valor culinario e unha importante fonte de proteína de calidade, aínda moito máis barata que a carne.
Os ovos que máis subiron son a categoría máis barata, os da talla M, dos 2,07 euros pasaron a custar 2,60 euros en marzo. E os prezos varían se son de galiñas soltas ou ecolóxicos que superan a ducia os 3 e os 4 euros.
"A verdade é que subiron porque tamén subiu a alimentación e subiu todo. Eu antes tíñaos a 4,30 e agora téñoos a 4,60 (a ducia). Eu son criador de galiña de Mos, son todos ovos de galiña de Mos e son ovos moi especiais. Eu teño as galiñas todas en liberdade, non comen nada de pensos, soamente comen millo e andan todas ao aire libre. Entón tamén é un ovo moi diferente do ovo común do supermercado que podes atopar", di José Antonio Montes, Granxa Avícola Gallos Rey.
Detrás dun produto tan cotián como un ovo hai todo un sector que se enfronta a realidades complexas nun mercado global. Con todo, o ovo semella que está de moda, e o consumo subiu máis dun 7% en España no 2024. En Galicia, cada persoa consume unha media de 140 ovos ao ano.