Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sobe o prezo do café ata 20 céntimos, alcanzando niveis históricos

Sobe o prezo do café ata 20 céntimos, alcanzando niveis históricos

Os hostaleiros alertan de novas subas nos próximos meses

A crise de prezos débese á menor produción polo cambio climático, problemas no transporte e tamén a especulación

Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 29/03/2025 13:30

Se son cafeteiros e adoitan tomar café a diario xa notarían que o seu prezo subiu no supermercado, pero tamén nos bares e cafeterías. Unha maioría de hostaleiros galegos apostou por unha suba de ata 20 céntimos por café no último ano. 

Sabían que o café é o segundo produto máis consumido no mundo despois do petróleo? E o café tamén é, detrás da auga, a bebida máis consumida. Pero neste último ano os prezos, non pararon de subir e no mes de febreiro chegou a duplicar o seu valor acadando niveis históricos nunca vistos.

"Desgraciadamente o prezo do café elevouse a máximos históricos. Practicamente hai quince ou vinte días ese 70 % converteuse nun 100 %. Duplicouse dunha maneira, non inexplicable, posto que hai factores que influíron nesa subida, pero si exaxerada", indica Marco Antonio Vázquez, xerente de Cafés Las Antillas-Campos.

Detrás desta crise de prezos hai unha multicausa como a baixada na produción do Brasil, o transporte e tamén a especulación.

"Si é certo que se produciu unha diminución da colleita da materia prima polo cambio climático. Produciuse igual un 30 % menos de collelita o que repercuta no prezo. Hai que ter en conta tamén os transportes, eses colapsos que se produciron no Canal de Suez que colapsaron o tráfico de mercadoría", explica Marco Antonio Vázquez.

O Brasil é o principal produtor da variedade arábica e sofre a peor seca en 70 anos e o Vietnam, que xa é o segundo produtor do mundo de café, o primeiro da variedade robusta, sofre inundacións.

E sumando factores, segundo os torrefactores galegos como este en Ourense, o prezo vai seguir subindo.

"As noticias que nos veñen non son boas. Probablemente se produza outra suba que notaran os clientes", di Marco Antonio Vázquez.

Os torrefactores e algúns hostaleiros tratan de axustar ao máximo os prezos da cunca do café.

"A miña estratexia foi deixar o mesmo prezo. O que funcionou porque o volume de xente foi moito maior, o que fai que haxa máis equilibrio", di Manuel Gómez, de Amertican Café-Bar en Ourense.

"Si é certo que aquí aínda o café está moi barato nas cafeterías. Os que estamos no sector vemos ese esforzo para axustar os prezos porque sabemos que a xente lle custa pagar por ese produto", sostén Marco Antonio Vázquez.

"Hai xente que se aproveita e poñen prezos desorbitados. Tamen axuda ter un intermediador local porque aí aforramos custos de intermediador e loxística", explica Manuel Gómez.

Con todo, desde comezos de ano hai moitas cafeterías que tiveron que subir entre os 10 e os 20 céntimos.

"Estabamos cobrando o café a un euro vinte, pero subiunos o café a seis euros o quilo, polo que subimos o café dez céntimos", di Sonia Estévez Vázquez, do Bar Yago en Ourense.

Por exemplo na cidade de Ourense, os prezos dun café só ou con leite varían entre o 1,20 ata 1,80 nunha terraza. E sen chegar aínda ao prezo das grandes cidades pouco a pouco tomar o café nun bar estase a converter xa en todo un luxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade