Martínez Allegue: "Entre a Xunta e o sector temos que paliar a falta de vivenda"
A conselleira de Vivenda afirma que queren ir da man do sector privado para construír vivenda pública
Asegura que a Xunta está a cumprir co obxectivo de erguer 8.000 vivendas nesta lexislatura
Subliña que catro de cada dez vivendas públicas van destinadas a alugueiro para a mocidade
A conselleira de Vivenda e Planficación de Infraestruturas apela á colaboración do sector privado e das cooperativas para paliar a falta de oferta de vivenda que existe nestes momentos.
Nunha entrevista na Radio Galega, María Martínez Allegue, referiuse ás dúas parcelas que a Xunta vén de licitar en Ferrol e en Vigo para que promotores particulares constrúan pisos protexidos.
"Vimos de dar dous grandes pasos, tanto en Vigo coma en Ferrol, con ese concurso de parcelas a un prezo simbólico, moi reducido porque o que queremos é ir da man do sector para construír vivenda. Estamos a falar, no caso de Ferrol, de 48 vivendas protexidas, e no ámbito de Vigo, en Navia, de 153".
A titular de Vivenda sinalou que a Xunta quere pórlle freo a este problema coa construción, nesta lexislatura, de 8 mil pisos públicos.
"Levamos un ano de lexislatura e temos uns obxectivos que estamos a cumprimentar de forma sobresaínte: temos xa máis de dúas mil novas vivendas de promoción pública en distintas fases de execución. O reto é acadar as oito mil en 2028".
María Martínez Allegue puxo o exemplo do proxecto, catalogado como de interese autonómico, na zona de Mallou, en Santiago, onde está previsto edificar 3.400 vivendas protexidas. Tamén continúan as conversas co concello compostelán para a cesión de máis solo, unhas negociacións xa avanzadas en municipios como Lugo, Pontevedra, A Coruña, Teo, A Estrada ou Lalín.
"Canto máis solo teñamos, máis facilidades terán os cidadáns para acceder a unha vivenda".
Plan rexurbe
A responsable de políticas de Vivenda da Xunta asegurou que o Plan rexurbe "está funcionando ben e vai a bo ritmo". María Martínez Allegue lembrou que, a través deste programa, a Xunta adquire casas abandonadas ou deterioradas nos núcleos históricos para rehabilitalas e destinalas a alugueiro publico.
"Trátase de inmobles que estaban abandonados e que foron adquiridos e rehabilitados pola Xunta. Están destinadas exclusivamente ao réxime de alugueiro para inscritos no rexistro de demandantes de vivenda nos núcleos históricos"
A titular de Vivenda sinalou que xa mercaron un cento de casas e avanzou que en vindeiras datas adxudicarán as vivendas arranxadas en Ferrol.
Mocidade
Na entrevista da Radio Galega, María Martínez Allegue, destacou que a Xunta conta con "moitos programas" de vivenda destinados á xuventude.
"En Santiago acabamos de licitar o primeiro proxecto para aloxamentos compartidos para menores de 36 anos. En Vigo fixémolo a semana pasada".
A conselleira de Vivenda lembrou que os mozos tamén contan con axudas de ata 20 mil euros para a adquisición de vivenda protexida. Ademais, a Xunta conta cunha liña de avais, sen límite de idade se se trata da primeira vivenda, para cubrir o 100 % do préstamo hipotecario.
"Temos un forte compromiso coa mocidade. Polo menos o 40 % de todas as vivendas que estamos a construír serán para menores de 36 anos en réxime de alugueiro".
