María Dolores Fernández, Valedora do Pobo: "Admitimos máis do 90 % das queixas"
A sanidade, a vivenda, a educación e a política social son áreas cun número de queixas considerable
As Administracións acollen as propostas de bo grao e o nivel de aceptación supera o 80%
A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, asegura que a sanidade, a vivenda, a educación e a política social son as áreas que aglutinan a maior parte das queixas da cidadanía. Segundo explicou na entrevista dos domingos da Radio Galega, de todas as queixas que se presentan, admítense a trámite máis do 90 %.
"As queixas, cuantitativamente falando, están en relación cos servizos públicos máis demandados e perentorios. Evidentemente, a sanidade, a vivenda, a educación e a política social son áreas cun número de queixas considerable (...). Admitimos máis do 90 % das queixas a trámite".
A Valedora do Pobo recoñece que entre as 4.000 queixas tramitadas ao ano hai temas moi complexos, difíciles de abordar. Apunta, non obstante, que as administracións adoitan acoller de bo grao as propostas que lles envía para pór solucións ou avanzar no recoñecemento dalgún dereito, tras as queixas presentadas polos cidadáns.
"Hai asuntos complexos. Falamos do que ten un impacto persoal: menores, vulnerabilidade, sinfogarismo, discapacidade, enfermidade... son temas complexos, pero para iso estamos, para iso se fai unha abordaxe con coñecemento, que é fundamental tamén".
A Valedora do Pobo salienta que a institución actúa, como norma xeral, a partir da queixa dun cidadán, pero que en determinados casos pode actuar tamén de oficio. De feito, fíxoo recentemente a raíz dunha reportaxe sobre os enfermos de ELA.
"Se teño coñecemento dun feito a través dun medio de comunicación, podemos iniciar unha actuación de oficio. A penúltima que iniciamos recentemente foi en relación a unha reportaxe dos enfermos de ELA, en relación coa implementación da lei e das axudas".
Na entrevista da Radio Galega, María Dolores Fernández Galiño explicou que calquera pode poñer unha queixa ante a Valedora do Pobo porque é moi doado e non ten custo ningún.
"Non se precisa avogado nin asesoramento xurídico. Pódeno facer cunha carta, a través do correo ordinario, á institución, tamén a través da web ou presencialmente na sede. Sen formalismos, sen asesoramento e sen custo".
María Dolores Fernández Galiño, que leva cinco anos como Valedora do Pobo, puxo en valor os premios que concede a institución en colaboración coas tres Universidades públicas de Galicia en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
Explicou que buscan potenciar a investigación en materia de xénero, porque -insistiu- os prexuízos mudan e é precisa unha formación para os detectar e poder combatelos.