Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ana Pontón: "Votar contra a quitación da débeda é unha traizón a Galicia"

Ana Pontón: "Votar contra a quitación da débeda é unha traizón a Galicia"

A voceira nacional do BNG afirma que o presidente Rueda votou contra a redución de 4.000 millóns de débeda porque lle mandaron dende Madrid

Alerta de que Galicia está quedando atrás en materia de autogoberno fronte a Euskadi e Cataluña, que seguen sumando competencias

Pontón defende a declaración de zonas tensionadas e limitar o número de vivendas turísticas

G24.gal 09/03/2025 09:30 Última actualización 09/03/2025 15:00

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, defende a quitación de débeda ás comunidades autónomas e acusa o presidente da Xunta de traizoar a Galicia ao votar en contra da medida, que o Bloque acordou co Goberno no pacto de investidura.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Pontón dixo que esa redución de 4.000 millóns de euros -que representa o 33 % da débeda da nosa comunidade- beneficiaría a todos os galegos, pero que o presidente Rueda prefire votar en contra porque llo mandan dende Madrid.

"É que isto é unha traizón a Galicia e desde logo significa que todos eses recursos que poderiamos ter para sanidade, para educación ou para mellorar o futuro da xente moza, para atender os problemas da vivenda, o señor Rueda prefire dicir que non única e exclusivamente porque llo manda Feijóo. É un nivel de submisión que non coñeciamos".

A líder do BNG tamén censurou o goberno da Xunta por non conseguir aumentar o autogoberno. Pontón apuntou que -mentres outras comunidades como Euskadi e Cataluña seguen sumando competencias- Galicia está quedando atrás pola falta de peso político dos gobernos do PP, que en 16 anos -remarcou- non conseguiron unha soa competencia.

"Para min o preocupante é que en Galicia temos un Goberno que non quere incrementar a capacidade de decisión dos galegos, nin cumprir o Estatuto. Nun contexto no que os demais avanzan, estar quieto é quedar atrás. Galicia está quedando atrás en materia de autogoberno".

Altri e a enerxía eólica

Ana Pontón reiterou a oposición do BNG ao proxecto de Altri en Palas de Rei porque -segundo argumentou- é unha macrocelulosa contaminante, que pon en risco 8.000 postos de traballo directos.

"É unha decisión política que tomou o PP hai tempo (...). De verdade alguén cre que a solución para o futuro industrial deste país pasa por rescatar unha macrocelulosa como facía o franquismo? E que o que nos está demostrando o Partido Popular é que non ten ningún proxecto de futuro, que o que nos quere é volver ao franquismo industrial e Galicia non quere industrias contaminantes. Nós o que queremos son industrias de futuro, vangardistas, tecnolóxicas, que non contaminen o noso medio natural e esa é a liña na que había que traballar".

Na entrevista da Radio Galega, a voceira nacional do BNG defendeu a enerxía eólica como unha fonte de riqueza, pero que hai que desenvolver para o beneficio de todos.

"No modelo do PP as eléctricas fórranse e en Galicia déixannos os custos ambientais e sociais (...) e sóbennos a factura. Galicia ten que facer unha planificación enerxética que respecte o medio ambiente, a xente do rural e que teña un retorno, por exemplo, cunha tarifa da luz máis baixa".

Defensa da lingua

A voceira nacional do Bloque explicou que lle transmitiu ao Goberno da Xunta a súa disposición a chegar a un grande acordo polo galego, que debería pasar por cumprir o Plan xeral de normalización lingüística, derrogar o decreto do plurilingüismo -que denomina como o decreto da vergoña- e reverter os recortes nas políticas de promoción da lingua.

Ana Pontón cre que o noso idioma está na peor situación da historia por mor do que cualifica "políticas lingüicidas do PP".

"É gravísimo que neste momento de emerxencia lingüística teñamos un Goberno do Partido Popular que non quere cambiar nada, que quere que todo siga igual, porque efectivamente o seu obxectivo é impoñer o monolingüísmo en castelán".

Vivenda

A voceira do Bloque sinalou a vivenda como "un dos grandes problemas de Galicia" e acusou a Xunta de non facer nada por solucionalo. Pontón defende a declaración de zonas tensionadas para evitar que os alugueiros sigan subindo, así como limitar o número de vivendas de uso turístico (VUT) fixando un tope para todo o país.

"Nós propoñemos que se estableza un tope de vivendas turísticas que pode haber en Galicia e que se priorice sempre o dereito á vivenda".

Políticas de igualdade

Ana Pontón amosouse orgullosa de se sumar á manifestación do 8-M porque -segundo dixo- as mulleres seguen vivindo en desigualdade. Afirmou que hai que defender o feminismo con políticas transformadoras para rematar coas desigualdades sociais.

"Nós o que cremos é que hai que defender o feminismo con políticas transformadoras, que hai que poñer o acelerador das políticas de igualdade e, sobre todo, traballar para rematar coas desigualdades sociais que seguen estando aí. Unha das máis evidentes é a discriminación laboral, segue existindo unha fenda salarial que no caso de Galicia son case 5.000 euros (ao ano) que as mulleres cobran menos realizando o mesmo traballo. E aí o que fai falta son políticas públicas eficaces".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade