O BNG presenta unha campaña do 8M para combater o "rearmamento do machismo e neofascismo"
Pontón cre que hai que hai que responder "a todos os Trumps, Musks, Abascales, Mileis e Orbans" e todos os que queren volver ao pasado e limitar os dereitos das mulleres
O BNG presentou este mércores a súa campaña para o Día Internacional da Muller, 8M, co lema "Nin medo nin vergoña" coa que pretende reivindicar un feminismo "combativo" para "darlle unha patada" ao "rearmamento do machismo e o neofascismo" en todo o mundo.
O cartel, deseñado pola artista galega Lúa Mosqueteira, é "arriscado e polémico", segundo describiu a propia autora, xa que aparece unha gatiña, en representación "da forza feminina que todas levamos dentro", que lle dá un golpe coa perna no alto a unha esvástica.
A líder do BNG, Ana Pontón, explicou que o seu partido apostou por este traballo "impactante e potente" porque no momento actual "hai que darlle máis forza ao feminismo" e seguir adiante coa loita das mulleres para non retroceder en dereitos.
"Fronte ao rearmamento do machismo, só hai unha resposta posible: máis feminismo, máis mobilización e máis unión das mulleres pola igualdade", asegurou Pontón.
Cre que hai que hai que responder "a todos os Trumps, Musks, Abascales, Mileis e Orbans" e todos os que queren volver ao pasado e limitar os dereitos das mulleres con "unha defensa firme dos dereitos e as liberdades" conseguidos; e ter claro que o feminismo "é tamén antifascismo".
Pontón advertiu de que se están cuestionando avances xa conquistados, como o dereito para decidir sobre o propio corpo, e preténdese manter as desigualdades salariais e os roles, coas mulleres como coidadoras "e que as administracións públicas non asuman a súa responsabilidade no coidado".
Tamén se perpetúan estes roles "cando se fai negocio con algo tan sensible como a violencia machista, privatizando os servizos de atención a vítimas, como fai o PP en Galicia", dixo, en referencia aos centros de atención 24 horas.
En definitiva, hai un "machismo rancio, recalcitrante e estrutural que está a usar as redes para amplificar a súa mensaxe" e quere chegar á sociedade para "desacreditar" ao feminismo porque sabe que este movemento é "un muro de contención á onda reaccionaria en todo o mundo", segundo Pontón.
Pola súa banda, a responsable de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, explicou que o seu partido decidiu apostar para este ano por "algo diferente", unha "campaña mobilizadora", e na que deseñadora do cartel recolleu "a rabia, a impotencia e as ganas de loita e a fortaleza" das feministas de Galicia.