Consternación en Lugo e na clase política: "Rotos de dor" pola morte "dunha compañeira exemplar"
A política galega chora a morte de Alvarellos, unha avogada de longa traxectoria
Pedro Sánchez, "conmocionado e profundamente triste"; Gómez Besteiro di estar "roto de dor" pola morte "dunha boa amiga"
Alfonso Rueda asegura estar "en shock" e destaca que Alvarellos "traballou por Lugo con lealdade e dedicación"
A morte de Paula Alvarellos provocou fonda consternación na cidade de Lugo e tamén en todo o ámbito político, no que se sucederon as mostras de consternación.
O PSdeG-PSOE, partido ao que pertencía a alcaldesa de Lugo, emitiu un comunicado no que quixo expresar "a súa profunda dor" polo pasamento de Alvarellos, "alcaldesa de Lugo e compañeira exemplar".
"Paula non só foi unha grande alcaldesa, sempre comprometida cos problemas da cidadanía e co avance da cidade, senón tamén unha militante moi traballadora, unha persoa próxima, leal e disposta a sumar en todo momento. A súa perda é dura, inxusta e inesperada. Pero a súa pegada quedará en Lugo e no noso partido. Desde o PSdeG atoparemos a mellor maneira de honrar a súa memoria: traballando con responsabilidade e compromiso pola cidade que tanto amou", di o comunicado.
O PSdeG quixo transmitir "o noso cariño e forza para a súa familia, amizades e para toda a veciñanza de Lugo".
O seu líder, Gómez Besteiro, di estar "roto de dor" pola morte "dunha boa amiga". Besteiro compartía en redes sociais unha publicación cunha fotografía xunto a Alvarellos.
Roto de dor, hoxe despedimos a Paula, unha boa amiga, alcaldesa de Lugo e unha muller que viviu por e para a súa cidade. Inxusto, demasiado pronto, demasiado duro.
Grazas polo teu exemplo, o teu paso firme contra as inxustizas e o teu apoio nos mellores e peores momentos da miña… pic.twitter.com/GwsGppgEAm
— Gómez Besteiro (@jrgomezbesteiro) March 1, 2025
Tamén a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, expresou a súa dor pola morte de Alvarellos, e quixo transmitir "apoio e afecto" á súa familia e amigos.
Profundo pesar polo falacemento de Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo, e todo o meu cariño e afecto á súa familia, amizades e compañeiros socialistas nun momento tan triste e duro.
— Ana Pontón (@anaponton) March 1, 2025
Tamén o presidente da Xunta quixo transmitir a súa consternación polo pasamento de Alvarellos. Alfonso Rueda di estar "en shock" e destacou que a falecida "sempre traballou por Lugo con lealdade e dedicación".
Aínda en shock tras a morte de Paula Alvarellos. Sempre traballou por Lugo con lealdade e dedicación. Unha fonda aperta á súa familia e amigos e aos veciños da cidade. DEPhttps://t.co/YAUnePuXM9
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) March 1, 2025
A morte de Paula Alvarellos causou consternación na cidade, onde era xa moi coñecida antes da súa etapa política pola súa participación activa en diversos colectivos e tamén nos órganos de dirección do Colexio de Avogados.
Consternación tamén no seu concello natal de Ponteceso, como contaba o seu alcalde, Xosé Manuel Mato, na Radio Galega.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñaba o compromiso de Alvarellos con Lugo. Tamén o presidente do Goberno e líder do PSOE quixo transmitir unha mensaxe de apoio á familia de Alvarellos. Pedro Sánchez di estar "conmocionado e profundamente triste".
Conmocionado y profundamente triste por el repentino fallecimiento de la alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) March 1, 2025
Progresista, luchadora y comprometida con Lugo, su pérdida es un golpe tremendo para la familia socialista.
Un fuerte abrazo a sus familiares y amigos. https://t.co/cA2nr7jNqB
Paula era unha persoa valente, honesta e traballadora, que sempre puxo a Lugo por diante de todo. Comprometida coa cidade e os seus veciños e veciñas.
— Pedro Blanco (@blancolobeiras) March 1, 2025
Todo o meu cariño á súa familia, amigos e compañeiros. pic.twitter.com/EyQd0u0Yt7
Desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o seu presidente, Alberto Varela, manifestaba tamén o pésame "en nome de todo o municipalismo galego".
Fondo pesar no empresariado e no mundo do deporte de Lugo
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) emitiu un comunicado no que destaca o "carácter afable e aberto" de Alvarellos, "sempre disposta a escoitar as ideas, propostas e inquietudes" do tecido empresarial para "fomentar proxectos que redundasen no desenvolvemento social e económico da cidade".
A patronal lucense subliña a "actitude dialogante" que mantiña a rexedora, algo que era "tónica permanente" no seu traballo xa desde que era concelleira da área de Economía.
Do ámbito deportivo, tanto o Club Baloncesto Breogán como o Club Deportivo Lugo súmanse á "dor" de toda unha cidade e mostran en redes sociais a súa "profunda tristeza" pola perda da alcaldesa.
Tamén o Eixo Atlántico lamenta "profundamente" a morte de quen é vicepresidenta da mesa da súa Asemblea Xeral.