Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump estuda suspender a axuda militar a Ucraína logo do choque con Zelenski, que non se desculpa

Trump estuda suspender a axuda militar a Ucraína logo do choque con Zelenski, que non se desculpa

Trump di que non negociará con Zelenski e acúsao de estar "xogando" coa terceira guerra mundial

Logo do desencontro televisado, Trump non se mostrou disposto a seguir falando con Zelenski este sábado

O presidente ucraíno recibe o apoio de líderes mundiais e reúnese este sábado con Starmer na véspera do cumio convocado polo primeiro ministro británico

G24.gal 01/03/2025 07:57

O Goberno do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, sopesa suspender os envíos de equipamento militar a Ucraína tras a desastrosa visita este venres do seu líder, Volodímir Zelenski, á Casa Branca, segundo o diario The Washington Post.

De acordo co Post, que cita un funcionario de alto rango estadounidense, o Goberno valora "suspender todos os envíos en curso" a Ucraína debido á "intransixencia" cara a un proceso de paz que percibiron en Zelenski.

Esta medida afectaría a chegada a Ucraína de radares, vehículos, municións e mísiles.

Trump e Zelenski protagonizaron este venres un enfrontamento en directo ante as cámaras no despacho oval da Casa Branca, evidenciando o peor momento nas relacións entre Ucraína e Estados Unidos desde o inicio da invasión rusa.

Tras ese choque, Zelenski foi informado de que debía abandonar a Casa Branca, e o xantar e a rolda de prensa previstas entre ambos os líderes quedaban suspendidos.

Trump, dixo que se o seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, quere volver reunirse con el debe falar tan só de paz e evitar as críticas ao líder ruso, Vladimir Putin, porque a súa Administración só quere poñer fin ao conflito.

"Ten que dicir 'quero lograr a paz'. Non ten que estar aí parado dicindo 'Putin isto, Putin o outro'; todo cousas negativas. Ten que dicir 'quero lograr a paz, non quero librar esta guerra por máis tempo porque a xente está a morrer'", dixo Trump, horas despois do desencontro que ambos protagonizaron no despacho oval.

O presidente estadounidense, que falou brevemente cos medios na Casa Branca antes de poñer rumbo á Florida, considerou que o líder ucraíno "excedeuse moito" durante a reunión de hoxe e que, de momento, os dous non perseguen o mesmo obxectivo.

"El está a buscar algo que eu non estou a buscar. El busca seguir adiante e loitar, loitar, loitar (contra Rusia). Nós buscamos terminar coa morte", explicou Trump.

"Ou lle poñemos fin (á guerra) ou o deixamos loitar, e se loita, non vai ser agradable. Porque sen nós, non gañará”, sentenciou.

Afirmou tamén que Zelenski quería "volver agora mesmo" á Casa Branca, pero respondeu: "Non podo facer iso".

Segundo a cadea CBS, que cita fontes de alto nivel próximas a Trump, funcionarios ucraínos puxéronse en contacto esta tarde con altos cargos da Casa Branca nun intento desesperado por retomar o acordo; pero Trump non se mostrou disposto a seguir falando con Zelenski este sábado.

Zelenski di ter "respecto" por Trump, pero evita desculparse

Pola súa banda, o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, afirmou que ten "respecto" polo líder estadounidense, Donald Trump, aínda que evitou desculparse polo seu enfrontamento deste venres no despacho oval da Casa Branca.

"Creo que temos que ser moi abertos e moi honestos, e non estou seguro de que fixésemos algo malo", dixo Zelenski nunha entrevista con Fox News horas despois do incidente.

Preguntado por se sentía que o seu enfrontamento con Trump axudara ou prexudicara o pobo ucraíno, Zelenski asegurou que "isto non é bo para ningunha das dúas partes".

"Pero, non podo cambiar a nosa actitude ucraína cara a Rusia. E non quero que nos maten por iso. É moi, moi claro que os estadounidenses son os nosos mellores amigos, os europeos son os nosos mellores amigos, e Putin e Rusia son os nosos inimigos. E iso non significa que queiramos isto, só queremos recoñecer a situación real", afirmou.

Zelenski lamentou que a discusión, que dixo foi "honesta", con Trump e o seu vicepresidente, JD Vance, se dese coas cámaras de televisión de testemuñas.

"Creo que, quizais, ás veces, hai algunhas cousas que debemos discutir lonxe dos medios, con todo o respecto á democracia e a unha prensa libre", afirmou o mandatario.

Zelenski tamén aproveitou a entrevista para agradecer ao pobo estadounidense, ao Congreso e ao Goberno o seu apoio durante os tres anos de guerra, despois de que Vance e Trump o acusaran de ser "desagradecido".

Tamén dixo que non pensa renunciar ao seu cargo, despois de que un dos seus maiores aliados entre os republicanos, o senador Lindsey Graham, pedira a súa cabeza para poder reencarreirar as relacións de Estados Unidos con Ucraína.

Zelenski foi sen asinar un acordo sobre minerais raros que Trump esixira para manter o seu apoio a Kíiv.

Apoio da comunidade internacional a Zelenski

Nas últimas horas, foron moitos os líderes mundiais que amosaron o seu apoio a Zelenski polo sucedido no despacho oval. A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Lyen, di que a dignidade de Zelenski honra o pobo ucraíno. O líder francés subliñou que Rusia é o agresor e Ucraína o agredido, e Alemaña tamén dixo estar unida do lado de Zelenski. Mensaxes de apoio tamén nas redes sociais do líder do Canadá e de Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo. Zelenski respondeu unha a unha as mensaxes de apoio. 

Zelenski, que xa está en Londres, recibiu tamén o respaldo de Keir Starmer. O primeiro ministro británico convoca os líderes de 14 países europeos para reforzar a posición negociadora de Ucraína. A xuntanza será este domingo en Londres, e a ela acudirán tamén os máximos responsables da Unión Europea e da OTAN. Pedro Sánchez participará na xuntanza, á que tamén acudirán os líderes de Francia, de Italia, de Alemaña e de Turquía. O obxectivo é abordar as garantías de seguridade para Ucraína antes de asinar un eventual acordo de paz con Rusia.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade