Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di que Ucraína non entrará na OTAN e non recoñece que lle chamase ditador a Zelenski

Trump di que Ucraína non entrará na OTAN e non recoñece que lle chamase ditador a Zelenski

O presidente norteamericano recibiu na Casa Branca o Primeiro Ministro Británico horas antes de reunirse co presidente ucraíno

Estados Unidos confía en chegar a un acordo para a paz con Rusia e non dubida de que Putin cumprirá a súa palabra

Donald Trump recibe no despacho oval o Primeiro Ministro británico, Keir Starmer. REUTERS/Kevin Lamarque
G24.gal 27/02/2025 19:42 Última actualización 27/02/2025 21:31

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, respondeu este xoves con incredulidade cando a prensa lle preguntou na Casa Branca polo insulto de "ditador" que dirixiu ao seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, e ante esa cuestión, respondeu: "Dixen eu iso? Non podo crer que dixese iso".

Sobre a posible adhesión de Ucraína á OTAN, o presidente Trump dixo que iso "non vai suceder" e insistiu en que a posibilidade de que Kiev se unise á Alianza Atlántica foi unha das razóns que precipitou a invasión de Rusia en 2022.

"Os europeos queren que Ucraína forme parte da OTAN como parte deste acordo", comentou un xornalista para preguntar sobre a posición de Trump. O presidente pechou a cuestión de xeito rotundo. "Eu podía ser riquiño e dicir que imos traballar niso", dixo Trump,  "pero iso non vai suceder. Iso é o que iniciou todo isto" (referíndose a que foi o detonante para que empezase a guerra). 

Ao preguntarlle sobre a porción de territorio que Kíiv recuperaría unha vez asinado un hipotético acordo de paz con Moscova, Trump dixo que ese é un tema que ten previsto tratar este venres en Washington co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e que entre ambos tentarán que Ucraína poida "recuperar todo o posible".

As relacións entre Washington e Kiev atravesan un momento especialmente tenso despois de que Trump sorprendese a Europa e Ucraína ao anunciar, o pasado 12 de febreiro, que falara por teléfono con Putin e que chegara a un acordo con Moscova para iniciar "negociacións de inmediato" co obxectivo de poñer fin á guerra.

Ese primeiro contacto entre delegacións dos Estados Unidos e Rusia tivo lugar o 18 de febreiro en Arabia Saudita, nunhas conversacións que poderían derivar nun cume entre Trump e Putin. Con todo, nin Kíiv nin os países europeos participaron nelas, o que xerou malestar no continente.

Zelenski protestou pola exclusión de Kiev nestas conversacións e, a semana pasada, intensificou o seu enfrontamento con Trump, a quen acusa de vivir nunha burbulla de "desinformación" impulsada por Rusia, mentres que o presidente estadounidense respondeu cualificando o líder ucraíno de "ditador".

Este venres Trump recibirá na Casa Branca a Zelenski co que espera asinar un acordo que outorgaría a Estados Unidos acceso privilexiado aos recursos naturais de Ucraína, incluídas as terras raras, un sector clave para o desenvolvemento tecnolóxico e actualmente dominado por China.

Este pacto, que Trump presenta como unha compensación polos miles de millóns de dólares xa enviados en asistencia militar a Ucraína, non inclúe garantías específicas de seguridade por parte dos Estados Unidos ante un posible novo ataque de Rusia, segundo dixeron explicaron á prensa antes do encontro funcionarios estadounidenses.

Precisamente, a cuestión das garantías de seguridade a Ucraína será un dos temas principais na reunión entre Trump e Starmer, de acordo ás mesmas fontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade