A guerrilla kurda de Turquía anuncia o alto o fogo e un futuro desarme logo de 40 anos de guerra
O proceso estará baixo a dirección do seu fundador, Abdullah Öcalan, encarcerado en Turquía

O proscrito Partido de Traballadores de Kurdistán (PKK), a guerrilla kurda de Turquía, anunciou este sábado un cesamento do fogo completo, así como un futuro desarmamento baixo a dirección do seu fundador, Abdullah Öcalan, encarcerado en Turquía.
"Para abrir o camiño ao chamamento do líder Apo (alcume de Öcalan) pola paz e a sociedade democrática proclamamos un cesamento do fogo, vixente a partir de hoxe", sinala un comunicado do PKK.
"Salvo que nos ataquen, non levará a cabo ningunha acción armada", acouta o texto, difundido pola axencia ANF, habitual portavoz da guerrilla.
Öcalan, encarcerado desde 1999 en Turquía, fixera público o xoves pasado, a través dunha delegación do partido esquerdista DEM, un chamamento ao desarmamento do PKK e a súa integración no Estado e a sociedade para poñer fin ao conflito kurdo tras 40 anos de guerra.
"Ademais, poderanse levar aos práctica aspectos como o desarmamento, pero isto pode facerse baixo a dirección práctica do líder Apo", agrega o comunicado do PKK, que tamén subliña a vontade de "convocar un congreso" da organización, tal e como pediu Öcalan na súa mensaxe.
"Pero para facer isto, débese crear un ambiente de seguridade adecuado e para que o congreso sexa exitoso debe levar a cabo baixo a dirección e a coordinación do líder Apo", apunta o comunicado.
Destaca que para iso fai falta "a liberdade física" de Öcalan e a posibilidade de que todos os seus seguidores poidan comunicarse con el sen obstáculos.
"Esperamos que as institucións do Estado fagan o necesario para crear estas condicións", conclúe o texto.