Öcalan, líder da guerrilla kurda pide depoñer as armas tras 40 anos de conflito con Turquía
"Todos os grupos deberían abandonar as armas. O PKK debería disolverse. Fago este chamamento e asumo a responsabilidade histórica", di o líder da guerrilla nunha mensaxe enviada desde a prisión na que permanece desde 1999

Abdullah Öcalan, o encarcerado líder intelectual e fundador do PKK, a guerrilla kurda de Turquía, realizou este xoves un chamamento á entrega das armas e á fin da violencia, para acabar cun conflito que dura 40 anos e no que morreron, en combates e atentados, máis de 45.000 persoas.
"Todos os grupos deberían abandonar as armas. O PKK debería disolverse. Fago este chamamento e asumo a responsabilidade histórica", asegurou Öcalan nunha mensaxe lida nunha conferencia de prensa por membros do DEM, o partido progresista e prokurdo, que se reuniron hoxe con el na prisión na illa de Imrali onde cumpre cadea perpetua desde 1999.
O PKK está considerado terrorista por Turquía, os Estados Unidos e a Unión Europea.
Nesa mensaxe, cuxa lectura foi retransmitida en directo desde un hotel de Istambul, o fundador do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) dixo que a guerrilla foi fundada nun momento de opresión e rexeitamento aos kurdos.
A mensaxe de Öcalan, ao que terán que responder os comandantes da guerrilla sobre o terreo, abre un novo intento de acabar co conflito.
O proceso arrincou o pasado outubro, cando Devlet Bahçeli, o líder do partido ultranacionalista MHP e aliado do presidente turco, Recep Tayyip Erdpogan, propuxo que Öcalan acudise ao Parlamento para pedir publicamente o fin da violencia.
O propio líder kurdo referiuse hoxe a que na atmosfera creada por Bahçeli, a "determinación expresada" por Erdogan e as posturas positivas doutros partidos, lanza ese chamamento ao desarmamento.
"Chamo ao PKK a que celebre un congreso e decida a súa disolución", reclamou Öcalan na súa misiva, baixo o nome de "Chamamento á Paz e unha Sociedade Democrática".
O fundador da guerrilla kurda asegurou que nos 200 últimos anos o capitalismo moderno tentou desmantelar a alianza "milenaria" entre turcos e kurdos.
"Hoxe, esa fráxil relación histórica debe reorganizarse nun espírito de fraternidade, sen prescindir da fe" segue a nota, na que fala da necesidade dunha sociedade democrática en Turquía.
Öcalan afirmou que o PKK, que el fundou en 1978 para lograr a independencia dos kurdos nun Estado propio, foi "o movemento insurxente e violento máis longo e extenso da historia da República" de Turquía, e que a súa forza partía da ausencia de "canles democráticas".
Tamén dixo que non hai alternativa á democracia en Turquía e que o consenso é necesario, falando dun encaixe dos kurdos en Turquía baseado só no respecto á súa identidade, renunciando a secesión ou calquera fórmula de autonomía.
"Saúdo a todos os sectores da sociedade que cren na coexistencia e atenden ao meu chamamento", concluíu a mensaxe de Öcalan.