Publicador de contidos

Publicador de contidos

Corgos rexeita a condonación de débeda por ser financiamento falso sen un só euro máis para gastar

Corgos rexeita a condonación de débeda por ser financiamento falso sen un só euro máis para gastar

O conselleiro de Facenda reclamou un cambio de rumbo ao Goberno central e que expoña primeiro unha reforma do sistema de financiamento autonómico, que é o que Galicia necesita, antes de abordar a posible condonación

Tanto BNG como PSdeG criticaron a fuxida de Corgos no Consello de Política Fiscal e Financeira e din que sería un erro histórico non aceptar a quitación

O Parlamento aproba a nova Lei de Medios Públicos de Galicia cos votos en contra de BNG e PSdeG

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este martes no Parlamento (EFE / Xoán Rey) O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este martes no Parlamento (EFE / Xoán Rey)
G24.gal 11/03/2025 14:25 Última actualización 11/03/2025 20:21

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, volveu manifestar o rexeitamento da Xunta á condonación da débeda pública, que cualificou de "financiamento fake" porque non supón nin un euro máis de capacidade de gasto para as comunidades autónomas.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, sobre a última reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que as comunidades gobernadas polo PP abandonaron, reclamou un cambio de rumbo ao Goberno central e que expoña primeiro unha reforma do sistema de financiamento autonómico, que é o que Galicia necesita, antes de abordar a posible condonación.

Con este obxectivo, pediu "contar co apoio" dos partidos da oposición para reclamar ao Goberno por unanimidade un novo modelo de financiamento e non unha quitación, que é "un negocio ruinoso" para Galicia, xa que supoñería "uns 220 euros" de débeda máis para cada galego.

Segundo argumentou, Galicia non pode aceptar esta condonación "tal e como está formulada", porque favorece ás autonomías "incumpridoras" e prexudica as "cumpridoras", e rexeita "branquear un acordo bilateral" que non é máis que unha "cesión" aos socios independentistas do Goberno.

Ademais, non mellora a capacidade de gasto das comunidades xa que a débeda non desaparece senón que se traslada á bolsa común do Goberno. É unha "mutualización", segundo Corgos, que fará que todos os españois teñan que pagar "a escote" os intereses do total de 83.000 millóns de euros que asumiría o Executivo central.

En definitiva, é "un traxe á medida conxuntural e o que Galicia necesita é unha solución estrutural" que pasa por un novo sistema de financiamento autonómico, abundou Corgos, quen lembrou que a comunidade galega ten un déficit de financiamento duns 500 millóns de euros anuais.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "inexplicable" e "indefendible" que a Xunta queira renunciar á condonación dun 33 % da súa débeda, uns 4.000 millóns de euros, e criticou a "papeleta" desempeñada por Corgos cando liderou o plantón das comunidades do PP no CPFF.

O conselleiro "deu a espantada" e compareceu ante os medios tras abandonar esa reunión para "defender a posición do PP, non a de Galicia", reprochou Pontón a Corgos, a quen recriminou tamén que a Xunta do PPdeG presuma de boa xestión cando "triplicaron a débeda pública mentres recortaban, recortaban, e recortaban" en servizos públicos.

Pontón prognosticou que outras comunidades do PP, como a Comunidade Valenciana, Andalucía e Murcia "van saír disparadas" pedir a condonación da súa débeda cando se aprobe e preguntouse que vai facer Galicia "se vai seguir no si, bwana, ao PP" ou vai aceptar a quitación.

Tamén desde o PSdeG a deputada Patricia Iglesias criticou o papel "penoso e esperpéntico" de Corgos ao protagonizar unha "desbandada" do CPFF facendo de "portavoz do PP" como "un 'mandadiño' de Feijóo" e pediulle que deixe que facer "seguidismo" das directrices deste partido desde Madrid.

"Galicia ten encima da mesa unha proposta enormemente ambiciosa", dixo Iglesias sobre a quitación, polo que instou a Xunta a que a acepte porque "é un primeiro paso" que non resulta incompatible coa reforma do financiamento autonómico, senón que é algo "complementario". E augurou que se o Goberno galego non rectifica, e acepta esta quita de débeda, "será o primeiro grande erro histórico" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, abundou que nin un só dos cálculos que se fan para a condonación de débeda beneficia a Galicia, senón que é "un timo" para a comunidade da que os partidos da oposición BNG e PSdeG "son cómplices e o gancho" para estafar á cidadanía galega.

O único deputado de Democracia Ourensena, Armando Ojea, coincidiu co conselleiro en que "tal e como está exposta" a condonación da débeda prexudicaría a Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade