OPINIÓN
Trump, cen días de incertezas, por Venancio Salcines
Antes da chegada de Trump o mundo vivía nunha aburrida primavera, o crecemento mundial era estable, sen sobresaltos e moderado. Non tiñamos nin frío nin calor. Pero iso era hai uns meses, agora estamos metidos nunha forte tormenta. O que non sabemos e se é de verán e pasará para quedar no esquecemento ou se realmente estamos na entrada dun imprevisto inverno. Desa dúbida sairemos nunhas semanas.
Os EUA levaron as taxas arancelarias efectivas a niveis non vistos nun século. E fixérono de súpeto xerando uns niveis esmagadores de incertezas. E esta leva a paralizar investimentos, e se non temos carteira de novos proxectos empresariais para o emprego e se este se bloquea incrementa o aforro e paralízase o consumo. E isto está a pasar nunha boa parte do mundo, e curiosamente un deses sitios son os propios EUA. E aquí o primeiro grande afectado son eles mesmos. Dito isto, se queda nunha tormenta de verán e con ela mudan as relacións de Washington co resto do mundo, entón pode dicirse que estamos ante unha xogada que pode ser ata intelixente. Pero agora mesmo non sabemos o que temos por diante, necesitamos mais tempo para poder facer unha análise máis rigorosa.