Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os canadenses votan este luns nunhas eleccións marcadas polas ameazas de Trump e a crise económica

Os canadenses votan este luns nunhas eleccións marcadas polas ameazas de Trump e a crise económica

As ameazas anexionistas de Donald Trump viñeron acompañadas, de momento, por aranceis do 25 % ao aceiro, ao aluminio e ao sector do automóbil canadense

O primeiro ministro, Mark Carney, pídelles aos canadenses que lle concedan un "Goberno forte" para enfrontarse á "traizón" de Trump. As enquisas dano como gañador.

Preto de 28 millóns de canadenses están convocados ás eleccións xerais do 28 de abril

Os líderes dos partidos políticos durante debate das eleccións xerais de Canadá celebrado o pasado 17 de abril en Montreal Os líderes dos partidos políticos durante debate das eleccións xerais de Canadá celebrado o pasado 17 de abril en Montreal
G24.gal 27/04/2025 12:16 Última actualización 27/04/2025 19:47

Ao redor de 28 millóns de canadenses están convocados o luns ás urnas para elixir os 343 deputados da cámara baixa, que decidirán quen é o próximo primeiro ministro do país e o encargado de negociar con Donald Trump a nova relación entre o Canadá e os Estados Unidos.

As últimas horas da campaña electoral quedaron alteradas polo atropelo masivo da noite do sábado na cidade de Vancouver (a terceira cidade en poboación do Canadá e situada na costa do Pacífico) e que lles causou a morte a nove persoas e feridas a ducias. 

As autoridades canadenses indicaron que están seguras, nestes momentos, de que o atropelo non foi un acto terrorista pero seguen investigando as motivacións.

Difícil de predicir o efecto que pode ter o atropelo no resultado dunhas eleccións tamén marcadas polas presións económicas e anexionistas de Donald Trump

O efecto que o atropelo masivo poida ter na importante provincia de Columbia Británica, na que se sitúa Vancouver, e no resto do país, é difícil de predicir. Amais, nestas eleccións concorren outros factores, tamén importantes, como a crise económica e as presións anexionistas de Donald Trump.

As eleccións do Canadá celébranse mañá luns en medio dunha incipiente crise económica, xerada polos aranceis de Donald Trump, e as industrias canadenses tentan mitigar o golpe.

O estreito vínculo xeográfico do Canadá cos Estados Unidos, o seu único veciño, sempre foi unha garantía de estabilidade, ata hai uns tres meses. As ameazas anexionistas de Donald Trump viñeron acompañadas, de momento, por aranceis do 25 % ao aceiro, ao aluminio e ao sector do automóbil canadense. Dado que estes sectores sosteñen outros sectores da economía, e o 70 % das exportacións do Canadá van aos Estados Unidos, o dano é notable.

Economistas e propietarios de negocios consultados din que a actividade económica xa está a sufrir e por todas partes hai iniciativas para amortecer o golpe: etiquetas e aplicacións de móbil para identificar produtos canadenses que comprar ou americanos que boicotear. Guías gratuítas para recortar custos, diversificación das relacións comerciais e plans para derrogar os impostos entre as provincias. Unha serie de medidas que definen estas eleccións, nun momento que moitos canadenses describen como de crise existencial. 

Ata a traxedia do sábado, a campaña electoral estivo marcada polo impacto que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, tivo coa súa guerra comercial, que afecta especialmente ao Canadá, e as súas ameazas de anexión do país.

Os candidatos cancelan actos do domingo

O líder do Partido Liberal, e primeiro ministro de Canadá, Mark Carney, tiña previsto terminar a xornada, e a súa campaña electoral, en Columbia Británica cunha parada primeiro en Vancouver e logo en Victoria.

O equipo de Carney anunciou este domingo que polo menos o acto foi suspendido ante o atropelo masivo.

O terceiro partido federal, o socialdemócrata Novo Partido Democrático (NPD), tamén anunciou a cancelación dos actos que o seu líder, Jagmeet Singh, tiña previsto en Vancouver.

Precisamente Singh estivo presente no festival Lapu Lapu pero marchou do festival 10 minutos antes do ataque.

Pierre Poilievre, candidato conservador e lider da oposición. Imaxe: Reuters Pierre Poilievre, candidato conservador e lider da oposición. Imaxe: Reuters

Trump afunde as opcións dos conservadores, segundo as enquisas

Pero o efecto de Trump, e de aliados como o empresario Elon Musk, foi o oposto ao que o líder republicano exercera en comicios como os celebrados nos últimos meses noutros países e que viron un aumento do voto de extrema dereita.

As ameazas de anexión provocaron un envorco nas enquisas a favor do gobernante Partido Liberal e o seu líder, que está a aglutinar o voto de rexeitamento ás palabras de Trump, e afundiu as opcións do conservador Pierre Poilievre, cuxas políticas e cuxo populismo aseméllanse aos do presidente estadounidense.

En xaneiro, Poilievre tiña unha vantaxe de 27 puntos sobre os liberais e encamiñábase a unha humillante vitoria electoral.

Cando Carney convocou eleccións anticipadas a mediados de marzo, o seu Partido Liberal xa estaba por diante dos conservadores e as sondaxes prognosticaban o mellor resultado da historia para os liberais.

Trump tamén é a causa de que un número récord de persoas, 7,3 millóns de persoas, depositaran xa a súa papeleta na votación anticipada celebrada hai unha semana.

Mark Carney, primeiro ministro e lider do Partido Liberal de Canadá Mark Carney, primeiro ministro e lider do Partido Liberal de Canadá

As enquisas dan como gañador o Partido LIberal, actualmente no Goberno

A última enquisa dada a coñecer o sábado pola firma Nanos Research coloca o Partido Liberal cun 43 % de votos, o Partido Conservador cun 38,9 %, o NPD cun 6,1 % e o soberanista Bloque Quebequés (BQ) cun 6,1 %.

A intimidación de Trump minimiza as outras preocupacións que elevaran os conservadores nas enquisas: o elevado custo da vida, a carencia de vivendas alcanzables e o astronómico aumento da migración, especialmente residentes temporais.

Pero todos estes temas quedaron sepultados pola retórica expansionista de Trump e moitos canadenses, de todas as tendencias políticas, consideran que nestas eleccións o que está en xogo é a existencia do país.

Ante esta realidade e as particularidades do sistema electoral canadense, coñecido como escrutinio maioritario uninominal, a análise da radiotelevisión pública canadense, CBC, sinala que os liberais de Carney obterán 191 escanos, os conservadores 123, o BQ 23, o NPD 5 e o Partido Verde 1.

No escrutinio maioritario uninominal (en inglés first-past-the-post), o país está dividido en circunscricións, no caso de Canadá, 343. Cada circunscrición envía un deputado ao Parlamento canadense. E o deputado da circunscrición é o que obtén polo menos un voto máis que o seguinte candidato.

Desta forma, non importan os votos totais que un partido recibe. Nas eleccións anteriores, celebradas en 2021, o Partido Conservador recibiu 5,7 millóns de votos, máis que o Partido Liberal, que tivo 5,5 millóns.

Pero o voto conservador concentrouse no oeste do Canadá, onde hai menos circunscricións, polo que os liberais conseguiron unha maioría simple de deputados: 160 por 119 dos conservadores.

O sistema tamén favorece un partido rexionalista como o BQ que recibiu 1,3 millóns de votos pero gañou 32 deputados. En comparación, os 3 millóns de votos que conseguiu o NPD outorgáronlle só 25 deputados.

O primeiro ministro, Mark Carney, pídelles aos canadenses que lle concedan un Goberno forte para enfrontarse a Trump

Nun dos seus últimos mitins antes das eleccións xerais deste luns, o líder do Partido Liberal do Canadá e primeiro ministro do país, Mark Carney, solicitou aos canadenses que lle concedan un "Goberno forte" para enfrontarse á "traizón" de Donald Trump, que declarou unha guerra comercial contra os canadenses.

Nun multitudinario mitin celebrado nun hangar aeronáutico na localidade de Mississauga, nas proximidades de Toronto, Carney centrou os seus ataques no presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, por ameazar o Canadá e no líder do opositor Partido Conservador, Pierre Poilievre, por carecer de experiencia fóra do mundo da política.

O economista que substituíu en marzo a Justin Trudeau á fronte do Partido e do Goberno do Canadá afirmou que o país necesita un Goberno forte porque "a guerra comercial do presidente Trump literalmente rachou a economía global e traizoou o Canadá, o veciño de Estados Unidos, o seu máis próximo amigo e o seu aliado máis inquebrantable".

Carney, que, segundo as enquisas, gañará as eleccións do 28 de abril, repetiu en varias ocasións os seus ataques a Trump. E cada vez que mencionou o nome do presidente estadounidense, o heteroxéneo público de varios miles de persoas no que destacaban sikhes e outras minorías asiáticas- rompeu en apupos.

"Este é o momento para un liderado serio e este é o momento de unirnos como país porque necesitamos loitar, protexernos e gañar. Temos que loitar contra os aranceis de Trump con aranceis de represalia que fagan o máximo dano nos EUA. Necesitamos protexer os nosos traballadores", continuou Carney.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade