O BNG propón reformar o Estatuto para que Galicia xestione "o 100 % dos seus recursos"
Ana Pontón presentou este sábado a proposta do BNG para reformar o actual Estatuto a través dun concerto económico
A voceira nacionalista defendeu que todas as empresas que traballen en Galicia e exploten os seus recursos paguen impostos na comunidade
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este sábado a proposta do BNG para reformar o actual Estatuto a través dun concerto económico co obxectivo posto en que os galegos "teñan a chave do seu diñeiro" e que Galicia xestione "o 100 % dos seus recursos".
Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, a líder nacionalista presentou publicamente esta proposición de lei para reformar o Estatuto e dotar os galegos dun concerto económico que Galicia "necesita e merece".
Unha proposta coa que dotar a Galicia dunha soberanía financeira e fiscal, e na que se inclúen "tres grandes medidas": territorializar o sistema fiscal para lograr capacidade de recadación e capacidade normativa plena; crear unha axencia tributaria propia con capacidade de xestión, recadación, inspección e sanción e establecer que todas as empresas que traballen en Galicia ou exploten os seus recursos naturais paguen impostos na comunidade.
"Desde o BNG queremos darlle a Galicia a chave do seu diñeiro para decidir nós sobre os nosos recursos e decidir como gastalos en función das necesidades de Galicia. Hai que quitarlle a chave do noso diñeiro a Madrid para dárllela aos galegos e ás galegas: Isto é o concerto económico que propón o BNG", proclamou Pontón.
Pontón xa propuxo no mes de xaneiro modificar o Estatuto
Cabe lembrar que a líder nacionalista xa propuxo no mes de xaneiro modificar o Estatuto para "dar encaixe" a un concerto económico que permitise a Galicia "ter a chave do seu diñeiro". En concreto, Pontón defendeu unha reforma para recoller un concerto "que xa teñen Euskadi e Navarra e que negocia Cataluña".
Pontón repetiu este sábado que Galicia "non pode ser a única nación que quede atrás", tras subliñar que "este é o momento de facer esta ambiciosa proposta porque está sobre a mesa a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico".
Os nacionalistas consideran que a negociación debe facerse de forma bilateral co Estado para defender un novo modelo que permita a Galicia "recadar todos os seus impostos, plena capacidade e decisión en materia fiscal e dotarse dunha facenda propia" para, entre outras cuestións, lograr que as empresas que operan en Galicia paguen os seus impostos na comunidade galega.
"E iso vale para as eléctricas, para a banca e para as multinacionais, moitas das que, ademais de usar os nosos recursos naturais, pagan os seus impostos en Madrid, un espolio ao que hai que poñerlle fin", incidiu Pontón.
Pontón di que o modelo actual está "feito á medida dun egoísmo centralista"
Defendeu Pontón que o obxectivo do BNG é deixar atrás un traxe "vello e estreito" que limita as posibilidades de Galicia porque "está feito á medida dun egoísmo centralista que fai que Galicia perda 5.000 millóns de euros cada ano".
"Porque lonxe da falacia de que Galicia é pobre e vive da solidariedade de Madrid, é o Estado quen fai caixa recadando moito máis do que despois devolve vía investimento e financiamento. Xa que, segundo os datos de 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galicia, mentres que achegou en 10.041 millóns", denunciou a nacionalista.
Defendeu a proposta "ambiciosa e sen complexos" do BNG, un BNG que, "fronte a un PP que ve unha Galicia bonsai, ve a Galicia como un gran carballo milenario, con raíces profundas e con novas e vigorosas ramas".
Aproveitou a líder nacionalista para criticar a "falta de ambición" do goberno de Alfonso Rueda, un presidente "antigalego e desleal, empeñado polo seu servilismo a Madrid en manter con meros retoques estéticos o actual sistema de financiamento".
Goretti Sanmartín puxo o foco no "infrafinanciamento" dos concellos
No acto de presentación da proposta de concerto económico tamén participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen puxo o foco no "infrafinanciamento" dos concellos, "a pesar de que cada vez prestan máis servizos e vense obrigados a asumir máis competencias".
A voceira parlamentaria de facenda, Noa Presas, fixo fincapé na necesidade de "desenmascarar a falacia da Galicia pobre e subsidiada" e reprochou tamén "a submisión e a deslealdade" dun Goberno do PP que, en materia de financiamento, "nin sequera é capaz de aceptar quitación de 4.000 millóns de euros de débeda pública lograda polo BNG no acordo de investidura".