Os catro edís expulsados do PSdeG de Santiago levan ao xulgado a Comisión de Garantías
Os catro edís expulsados son Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez
Os expulsados entenden que o proceso non seguiu nin tan sequera “uns criterios temporais de garantía”
A vista vaise celebrar o día 9 de maio

Os catro concelleiros expulsados do PSOE de Santiago interpuxeron unha demanda ordinaria perante o xulgado contra as resolucións da Comisión Federal de Ética e Garantías. A demanda foi admitida a trámite e haberá unha vista o próximo día 9 de maio.
A denuncia interposta polos catro concelleiros expulsados para a impugnación das resolucións da Comisión Federal de Ética e Garantías será levada polo Xulgado Número 3, segundo confirmaron a EFE fontes do partido.
A demanda foi rexistrada na semana do 17 de marzo, despois de que o 14 foran notificados da resolución de expulsión definitiva.
Desde o 10 de marzo ambas as partes foron notificadas para a vista que resolverá a solicitude de medida cautelar que piden os edís expedientados para a suspensión da eficacia e execución das resolucións disciplinarias.
No seu día, os catro edís expulsados -Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez- xa avanzaran a súa intención de levar a súa expulsión á xustiza ao entender que o proceso non seguiu nin tan sequera “uns criterios temporais de garantía”.