Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os grupos presentan 126 propostas de resolución para o debate deste venres no Parlamento de Galicia

Os grupos presentan 126 propostas de resolución para o debate deste venres no Parlamento de Galicia

O PP asume os anuncios de Rueda e agarda chegar a acordos cos grupos da oposición

O BNG di que aporta "propostas serias" fronte "a propaganda" do PP

O PSdeG presenta 40 propostas  para mellorar a “economía” de Galicia e “a calidade de vida” dos galegos

Imaxe xeral do Parlamento de Galicia durante o debate deste mércores Imaxe xeral do Parlamento de Galicia durante o debate deste mércores
G24.gal 24/04/2025 15:25

Os grupos parlamentarios galegos presentaron este xoves as 126 propostas de resolución que se debaterán na sesión plenaria do venres.

O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves as corenta propostas de resolución que defenderá o seu grupo para mellorar a “economía” de Galicia e “a calidade de vida” dos galegos con medidas que ten “a esperanza” de que sexan atendidas polo PPdeG.

Destacan  a creación dun banco publico de alugueiro, a declaración de zonas tensionadas ou a posta en marcha dun grupo lácteo galego.

Tamén rexistrou varias iniciativas relacionadas coas infraestruturas en tanto que reclaman á Xunta que apoie o camiño cara á “gratuidade” da AP-9 e AP-53 á vez que se inicie o mesmo camiño nas autoestradas de titularidade autonómica como a AG-55 e AG-57 “aplicando xa as mesmas bonificacións” que nas estatais.

Tamén piden un tren de proximidade, unha tarxeta única de viaxeiros para o transporte público de Galicia, ou a reformulación do mapa por estradas e o seguimento de contratos en vigor.

BNG: "Propostas serias" fronte "a propaganda"

O BNG expón como conclusións do debate do estado da autonomía iniciado este mércores 40 propostas de resolución "serias" e "ambiciosas" para "mellorar as condicións de vida" dos galegos, fronte ao que considera "quilos de propaganda" do PPdeG.

Olalla Rodil asegurou que o BNG ten "vontade e a man tendida" para alcanzar consensos. Entre as propostas económicas do BNG figura establecer un fondo soberano para investimentos estratéxicos dotado con 1.200 millóns de euros ata 2030, fundar unha empresa pública de enerxía, declarar os recursos mineiros estratéxicos de interese público ou rexeitar o proxecto de Altri de construír unha fábrica de celulosa e fibra téxtil en Palas de Rei (Lugo).

A nivel social, propón mobilizar 16.000 vivendas públicas, un órgano de servizos sociais, un plan de rescate para a atención primaria sanitaria ou mellorar a dotación económica para o servizo de axuda no fogar (SAF).

O PP agarda chegar a acordos

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu que as propostas de resolución do seu partido para o debate sobre o estado da autonomía reflicten a súa "folla de ruta" e aínda que as da oposición son "antagónicas" espera que sexa posible chegar a acordos.

Segundo asegurou, o seu partido ten "toda a vontade" para alcanzar consensos, pero "non só depende de nós", 

Entre as reclamacións que o PP insta á Xunta a facer ao Goberno central está a de presentar un proxecto de orzamentos estatais, ou a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) sobre o financiamento autonómico, así como a transferencia a Galicia da AP-9, os servizos meteorolóxicos, o ingreso mínimo vital e os permisos laborais para inmigrantes.

Tamén peticións no ámbito sanitario, para combater a falta de médicos; ou industrial, coas conexións eléctricas necesarias e axudas para os proxectos estratéxicos, entre os que se atopa a macroplanta celulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo).

O PPdeG inclúe nas súas proposta os anuncios de Alfonso Rueda para a creación de 24 residencias de maiores ao longo da lexislatura, axudas para a rehabilitación de vivendas, a ampliación da vacina intranasal contra a gripe, ou o Bono Peixe de 50 euros para fomentar o consumo de peixe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade