Armando Ojea reclama un plan de industrialización para a provincia de Ourense
O deputado de Democracia Orensana pide máis investimentos na provincia
Rueda respondeulle que Ourense é a provincia que recibe da Xunta o maior investimento per cápita
Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensana, tomou a palabra no debate sobre política xeral do Parlamento de Galicia como voceiro do Grupo Mixto.
Nos seus 45 minutos de intervención, Ojea demandou máis investimentos para a provincia.
Reclamou que o financiamento especial para os concellos en risco de despoboamento que anunciou o presidente tivera moi en conta a Ourense, provendo de fondos a provincia para reformar as casas do rural, mellorar as comunicacións e atraer nómades dixitais.
Ojea reclama que unha cuarta parte dos fondos europeos que xestiona Galicia sexan para investimentos en Ourense. Demandou un plan de industrialización da provincia cun apoio expreso aos plans explotación mineira previstos en zonas como Doade ou Beariz, sempre que cumpran coas normativas medioambientais e de respecto á saúde pública.
E pediu ademais un bono que estimule o consumo de produtos agrícolas ourensáns, semellante ao bono para estimular o consumo de peixe fresco.
Ojea alertou ademais da necesidade de facer novas concentracións parcelarias e do problema de contaminación por nitratos que afecta especialmente a zona da Limia.
No eido turístico, o deputado reclamou que se promova a Vía da Prata, un cos Camiños de Santiago menos saturado, como xeito de aumentar os ingresos na zona pero tamén como vía para desconxestionar outras rutas máis concorridas como o Camiño Francés.
O presidente Alfonso Rueda respondeulle que a Xunta investirá este ano 223 millóns en Ourense e que a provincia é a que recibe máis investimentos per cápita de todo Galicia.