Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro condena as desigualdades dunha Galicia que "non ten un líder á fronte"

Besteiro condena as desigualdades dunha Galicia que "non ten un líder á fronte"

Ironiza coas celebracións de Rueda: "Só faltou unha verbena polo primeiro Consello da Xunta (...) e cambiar o Día de Galicia, o 25 de xullo, polo de santo Afonso"

Propón un banco público de alugueiros para poñer no mercado 5.000 vivendas baleiras e presume das bonificacións do Goberno para a AP-9 e a AP-53

Besteiro sobre Altri: "O debate non é industria si ou industria non, senón que industria si e que industria non"

Rueda respóndelle que o Goberno central non fixo ningunha vivenda en Galicia desde 2018 e lembroulle a Besteiro que prometeu a gratuidade da AP-9

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, durante a súa intervención (EFE/ Xoán Rey)
G24.gal 23/04/2025 15:57

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou a súa intervención no debate sobre o estado da autonomía criticando a "autocompracencia" que, ao seu xuízo, caracterizou o discurso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Na súa opinión, Galicia "non ten un líder á fronte", senón "un home atrapado nos seus complexos" que necesita de "aplausos" e se dedica a celebrar mentres a rexión vive "unha profunda desigualdade" debido ás políticas do goberno do PP.

Acusou a Rueda de "clasismo", ironizou coas súas celebracións, falando de que "só faltou unha verbena para celebrar o primeiro Consello da Xunta" ou "cambiar o Día de Galicia polo de santo Afonso", e asegurou que "a Xunta empeza a parecerse máis a un réxime personalista que a un goberno democrático".

O presidente da Xunta defendeu as celebracións realizadas para conmemorar o primeiro ano de goberno, e, en resposta ás críticas de Besteiro por esas festas e a ironía de cambiar o Día de Galicia polo do seu santo, díxolle que "o ano que ven cae en venres. Está vostede convidado. O que non sei é se sendo venres o que estará de festa será vostede".

No discurso de Gómez Besteiro non faltou a crítica á escaseza de vivenda pública. Por iso propuxo un banco público de alugueiros para poñer no mercado 5.000 vivendas baleiras con prezos que non superen o 30% da renda. O seu custo, dixo, sería duns 40 millóns de euros, "un 1% do que representa a condonación da débeda presentada e apoiada polo Goberno de España". Sobre este asunto, lamentou a "submisión" de Rueda a Alberto Núñez Feijóo, xa que no caso de que aceptasen esta condonación "Galicia tería máis recursos".

Unhas acusacións que non comparte o presidente da Xunta. Alfonso Rueda asegurou que o Goberno galego investiu o 100% dos fondos neste ámbito, mentres que o Goberno central, dixo, non construiu nin unha soa vivenda pública en Galicia desde 2018.

 

Besteiro deu conta das máis de 20.660 persoas que esperan en Galicia unha vivenda, así como dos máis de 10 días de espera para recibir unha cita no centro de saúde ou os cinco meses que os cidadáns deben esperar para unha consulta de saúde mental.

Tamén aludiu á desigualdade de oportunidades en educación, así como á escaseza de prazas en residencias de maiores ou á caída no emprego no sector industrial.

Como era de agardar, o proxecto de Altri en Palas de Rei tivo tamén o seu oco no discurso do líder socialista. Besteiro asegurou que "non é sostible nin economicamente, nin ambientalmente nin en creación de emprego".

Incidiu no "tremendo erro" que supoñería a instalación desta empresa, polo que pediu a Rueda que "agora dea a cara" e achegue "explicacións" sobre o seu apoio "incondicional" ao proxecto.

Na súa opinión, "o debate non é industria si, industria non, senón que industria si e que industria non".

Durante a súa intervención Besteiro denunciou que o Goberno galego "segue sen poñer unha rede pública de transporte por estrada que complemente o ferrocarril" e sen resolver o "illamento de Ferrol nin mellorar as conexións de Lugo".

Ademais, subliñou os descontos na AP-9 e na AP-53 impulsados, dixo, polo Goberno central. Cuestinou a política dos distintos gobernos do PP en materia de autoestradas, lembrando a prórroga do goberno Aznar da concesión da AP-9, e avogou por unhas "autoestradas públicas, galegas e gratuitas".

Alfonso Rueda botoulle en cara que culpase a Aznar de que a AP-9  non sexa gratuita, cando o propio Besteiro, no debate electoral de hai un ano, prometeu esta medida. "Que o señor Besteiro do futuro se poña de acordo co señor Besteiro do pasado", dixo Rueda.

O presidente da Xunta asegurou ademais que, de media, as autoestradas estatais son un 6% máis caras cas autonómicas.

 

 

"Drama demográfico" e "abandono do sector primario"

Besteiro asegurou que Galicia vive un drama demográfico "preocupante", e atópase abandonada no sector primario cun marisqueo "en declive" e unhas explotacións agrarias "cun futuro incerto".

Tamén aludiu a unha política enerxética que perde "oportunidades" debido á falta de planificación eólica, a aposta por proxectos contaminantes ou promesas convertidas en "chiringuitos" como a comercializadora pública de enerxía.

Na cúa comparecencia cuestionou a politica do goberno galego en materia de financiamento, asegurando que a Xunta lles debe aos concellos galegos 650 millóns de euros.

Ademais, o líder socialista asegurou que Galicia medra economicamente menos que a media de España, e criticou que a Xunta reducise as partidas en investigación sanitaria un 10 %, ata os 23 millóns, e invista no Xacobeo ata cinco veces máis, aproximadamente 110 millóns.

"A súa aposta é clara. Mentres vostede se dedica a celebrar, Galicia leva máis dunha década sufrindo unha fuga de centos de investigadores e investigadoras", manifestou.

 Entre as propostas presentadas polo líder dos socialistas galegos destacan tamén a reforma legal para garantir a atención en primaria en 48 horas, un novo modelo de residencias, un plan de primeira oportunidade para a mocidade e unha lei galega de memoria democrática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade