A oposición ve a Rueda "sen respostas" e "desconectado da Galicia real"
Ana Pontón (BNG) asegura que "se confirma que temos un presidente desleal con Galicia"
José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) di que "vimos un presidente máis preocupado da oposición que do estado real do noso país"
Armando Ojea (DO) bota a faltar no discurso referencias a Ourense e á súa provincia
Pazos Couñago (PPdeG) cre que Rueda "amosou que é un presidente optimista", e que "apostou por unha Galicia en grande

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia foron críticos na súa valoración do discurso de Alfonso Rueda este mércores no Debate de Política xeral, no que viron ao presidente "sen respostas" e "desconectado da Galicia real".
Ana Pontón, voceira do BNG, dixo ao finalizar que "se confirma que temos un presidente desleal con Galicia".
Di a líder nacionalista que Rueda "non ofrece as solucións e respostas que require un momento como o actual. Gustaríanos escoitar propostas de calado e transformadoras pero só vimos un remix de vellas propostas e un Goberno que só trata de tapar con propaganda a súa falta de alternativas e de xestión".
José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG, cualificou a Rueda como "un presidente máis preocupado da oposición que do estado real do noso país, con altas doses de autobombo".
Besteiro dixo que o presidente da Xunta está "desconectado dos problemas reais de Galicia" e que o discurso "foi decepcionante" no que "non fixo fincapé con medidas concretas de solución aos problemas que hoxe teñen os galegos e as galegas: a vivenda, a sanidade, os problemas da mocidade, e, como non, a proxección do medio ambiente e o noso desenvolvemento industrial".
Armando Ojea, único representante de Democracia Ourensana no Parlamento de Galicia, criticou a ausencia de referencias a Ourense e á súa provincia no discurso do presidente da Xunta: "creo que só a citou unha vez", afirmou.
Sigo pensando que se precisa un cambio na Xunta para que sexa máis consciente da existencia da provincia de Ourense", asegurou Ojea.
E por parte do PPdeG, o seu voceiro, Alberto Pazos Couñago, como era de agardar, eloxiou o discurso do presidente da Xunta, o que cualificou como "un presidente optimista", e que "apostou por unha Galicia en grande".