Rueda defenderá no debate medidas para a vivenda e a industria e anuncia unha senda Ribadeo-A Guarda
Rueda defenderá no debate medidas para a vivenda e a industria e anuncia unha senda Ribadeo-A Guarda
O BNG pide ao PP que deixe "o rodete absolutista" e chegue a acordos coa oposición
Besteiro propoñerá un "plan de primeira oportunidade" con 100 millóns ao ano para contratar a 42.000 mozos

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegura que vai ao debate sobre o estado da autonomía que se vai celebrar este mércores coa intención de chegar a acordos útiles para Galicia cos partidos da oposición.
Rueda dedica a xornada do martes a preparar o discurso que defenderá no Parlamento de Galicia, no que fará balance do seu primeiro ano de goberno e presentará propostas para o que queda de lexislatura.
Como xa avanzou, a cuestión da transferencia de competencias, coa xestión do litoral como último gran éxito, será unha das que estean enriba da mesa. Rueda aproveitará para facer un repaso polo traballo realizado ata acadar esta transferencia e avanzará as medidas que ten previsto levar a cabo a Xunta no futuro.
Ademais, tamén explicará o camiño futuro que pretende seguir o Goberno galego no desenvolvemento do autogoberno, coa reclamación de novas competencias en beneficio de todos os galegos.
A economía tamén centrará boa parte do discurso do xefe do Executivo galego, que fará énfase na cuestión do emprego e nas políticas industriais. Así mesmo, a vivenda ocupará un papel fundamental da súa intervención, recordando o compromiso de pasar de 4.000 a 8.000 vivendas públicas nesta lexislatura e poñendo de manifesto que máis de 2.000 xa están en marcha; ademais de anunciar novas iniciativas na materia.
Será unha máis das cuestións que benefician ás familias galegas que sacará a colación mañá o máximo mandatario autonómico, que tamén abordará temas relativos a sanidade, educación ou os servizos sociais.
Nunha mensaxe nas redes sociais, Rueda adiantou que unha das medidas que levará ao debate será a construción dunha senda que conecte toda a costa dende Ribadeo ata A Guarda. Unha obra que é posible, lembra o presidente, tras asumir a Xunta as competencias do litoral.
Preparando o Debate do Estado da Autonomía, o primeiro tras un ano no que logramos ratificar o histórico traspaso do litoral e no que traballamos dende o minuto un. Xa estamos planificando unha senda que conecte toda a nosa costa dende A Guarda a Ribadeo pic.twitter.com/PWEkilT2HP
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 22, 2025
O PSdeG xa avanzou que trasladará diferentes medidas para "poñer fin á emerxencia habitacional", con políticas como a posta en marcha dun Banco Público de Alugueiro.
Neste debate, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, propoñerá un "plan de primeira oportunidade" con 100 millóns ao ano para contratar a 42.000 mozos menores de 35 anos.
Pola súa banda, Olalla Rodil, do BNG, pídelle ao PP que deixe "o rodete absolutista" e chegue a acordos coa oposición.
Insistiu en que o BNG acode a este debate sobre o estado da autonomía con "vontade construtiva e con propostas á altura dos retos" que ten Galicia e de "as necesidades dos galegos" co obxectivo de "mellorar as condicións de vida da xente".
Olalla Rodil espera que o Goberno galego non realice anuncios que "despois quedan en nada" e que "non se cumpren".