Rueda anuncia a celebración do debate sobre o estado da autonomía despois da Semana Santa
O presidente da Xunta reivindica a "excelente" sanidade pública ante as críticas da oposición, que o acusan de "falsear e manipular" os datos
Ana Pontón: "Os 358.000 galegos e galegas que están en lista de agarda son só a punta do iceberg, porque hai milleiros de persoas que non figuran nas súas listas oficiais"
Gómez Besteiro: "Mentres vostedes fabrican mentiras nos despachos, en milleiros de fogares viven angustiados as esperas sanitarias"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que pedirá ao Parlamento de Galicia a celebración do debate do estado da autonomía para despois da Semana Santa. O xefe do executivo galego non concretou a data, pero confía en que se faga "coa maior brevidade posible".
Así o avanzou durante un debate este mércores na Cámara coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrado na política sanitaria e que se produce tres días despois da manifestación convocada en Santiago pola Plataforma SOS Sanidade Pública.
O último debate sobre o estado da autonomía tivo lugar en outubro de 2023, uns meses antes de expirar a anterior lexislatura.
Besteiro acusa a Xunta de facer "a sabendas" unha planificación "inadecuada" dos recursos
A oposición denunciou na cámara os recortes na sanidade pública e a "inadecuada" xestión por parte da Xunta.
O voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aludiu o informe do Consello de Contas que reflicte unha "planificación inadecuada" dos recursos humanos do Sergas e indicou que esa mala xestión estase facendo "a sabendas" desde hai dezaseis anos.
O líder socialista denunciou que "esas mentiras que fabrican nos despachos afectan a milleiros de fogares en Galicia que non teñen acceso á sanidade pública como deberían.
Pontón: "As mulleres de Ourense teñen que parir nun hospital que cae a cachos; é a foto perfecta que retrata a política de acoso e derruba á sanidade pública do país"
A portavoz nacional do BNG denuncia que a Xunta leva dezaseis anos de "recortes e privatizacións", quitándolle cartos á sanidade pública mentres se incrementan na privada.
Ana Pontón afirma que as 385.000 persoas que están nas listas de agarda son só "a punta do iceberg", xa que hai "milleiros de persoas que non figuran nas súas listas de espera oficiais, que están manipuladas".
Pontón cualificou de "histórica" a manifestación celebrada o pasado domingo en Compostela convocada por SOS Sanidade Pública e pediulle á Xunta que rectifique, para rematar coa política de "acoso e derruba á sanidade pública".
A portavoz nacional do BNG ensinou unha fotografía que recolle a recente caída do teito do hospital materno de Ourense e dixo: "As mulleres de Ourense teñen que parir nun hospital que cae a cachos. É a foto perfecta que retrata a política sanitaria da Xunta".
Rueda: "Non imos dicir que está ben pero vou reivindicar a "excelente calidade" da sanidade pública galega
O presidente da Xunta acusou a oposición de "falsidades" e de querer "tensionar" e desgastar a Xunta. A Besteiro acusouno de facer de "de palmeiro" do BNG e reprochoulle que acudira á manifestación celebrada o domingo en Santiago.
"Dáse de conta do que poderiamos facer se tivésemos o mesmo trato que dá o Goberno ao independentismo? Ao independentismo, os cartos, e en Galicia, as pancartas".
Alfonso Rueda volveu indicar que "temos a mellor sanidade pública da historia", aínda que recoñeceu que "hai moitas cousas que corrixir". Concluíu afirmando: "Non vou dicir que todo está ben, pero vou reivindicar a excelente calidade pública da sanidade galega e imos seguir traballando con firmeza para que así sexa".