Trump exime dos "aranceis recíprocos" a smartphones, monitores e outros compoñentes electrónicos
Trump impúxolle á China "aranceis recíprocos" do 125 %, máis outro gravame do 20 % que xa pesaba na súa contra, un 145 % en total
Mentres para os outros países, Donald Trump, adiou a aplicación dos "aranceis recíprocos" 90 días para negociar cos países que non tomaran represalias
Mentres negocia, Trump mantivo o imposto base do 10 % a todas as importacións

O presidente dos Estados Unidos fai un novo axuste nos anuncios dos aranceis recíprocos. Nesta ocasión non é por países, é por produtos, produtos e compoñentes tecnolóxicos, que os Estados Unidos importan en máis dun 80 % da China. E coa China, Trump mantén os aranceis, non hai moratoria. E a China respondeu subindo os aranceis ata o 125 %, coma se dunha partida de póker se tratase.
Trump decidiu actuar e facer excepcións. Os teléfonos intelixentes e os monitores de computador son algúns dos dispositivos electrónicos que os EUA decidiron deixar libres dos seus chamados "aranceis recíprocos", segundo un documento o oficial do Goberno do presidente Donald Trump.
A nova directriz da Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza dos Estados Unidos (CBP, en inglés), encargada de recadar os aranceis sobre as importacións, tamén inclúe unha listaxe cunha vintena de compoñentes e dispositivos electrónicos excluídos.
Entre eles atópanse chips semicondutores, pantallas planas de televisión, unidades flash (pendrive) e tarxetas de memoria.
Esta exención, de acordo co documento de CBP publicado nas últimas horas, aplicarase a aqueles produtos importados aos EUA e que ingresaran ao país norteamericano ou saíran dos almacéns nos seus lugares de orixe a partir do 5 de abril.
Isto podería representar un alivio para os consumidores, que se enfrontaban á posibilidade de pagar prezos máis altos principalmente pola guerra comercial entre os Estados Unidos e a China, e para xigantes tecnolóxicos norteamericanos como Apple, que fabrican gran parte dos seus produtos no país asiático.
De feito, aproximadamente o 90 % da produción e ensamblaxe do iPhone de Apple realízase na China, segundo estimacións de Wedbush Securities.
Segundo a firma de investimento Everscore IS, na China fabrícase o 80 % dos iPads e máis da metade dos computadores Mac producidos.
Desde o anuncio da agresiva política arancelaria da Administración Trump o día 2 de abril, Apple perdeu máis de 640.000 millóns de dólares en valor de mercado e Microsoft superouna como a cotizada máis valiosa do mundo.
Esta nova directriz "elimina polo de agora unha enorme nube negra sobre o sector tecnolóxico e a presión á que se enfrontan as grandes tecnolóxicas estadounidenses (...). Estas non teñen outra opción, xa que a cadea de subministración atópase esencialmente en Asia", considerou o responsable de investigación tecnolóxica de Wedbush Securities, Dan Ives, nun comunicado.
Esta semana, o presidente estadounidense, Donald Trump, adiou a aplicación dos "aranceis recíprocos" 90 días para negociar cos países que non tomaran represalias, pero mantivo a imposto base do 10 % a todas as importacións.
Este xiro de temón, con todo, non se aplicou á China, á que Trump incrementou os "aranceis recíprocos" ao 125 %, máis outro gravame do 20 % que xa pesaba na súa contra (145 % en total), o que provocou unha resposta proporcional de Pequín e o temor a unha guerra comercial a grande escala.