Publicador de contidos

Publicador de contidos

Belarra asegura que Podemos segue "en pé" fronte á "esquerda dócil" de Sumar

Belarra asegura que Podemos segue "en pé" fronte á "esquerda dócil" de Sumar

Na quinta asemblea estatal do partido acadou o 90 % dos apoios, case a metade dos obtidos na anterior

A líder de podemos afronta un segundo mandato coa eurodeputada Irene Montero como número dous

Montero e Belarra na quinta asemblea estatal de Podemos. EFE/Borja Sánchez-Trillo Montero e Belarra na quinta asemblea estatal de Podemos. EFE/Borja Sánchez-Trillo
G24.gal 12/04/2025 11:58 Última actualización 12/04/2025 14:46

Ione Belarra foi reelixida este sábado secretaria xeral de Podemos cun 90 % dos apoios e 24.454 votos dos rexistrados (27.172 en total), case a metade dos obtidos no anterior mandato.

O resultado da votación telemática, que tivo lugar entre o 7 e o 11 de abril, deuse a coñecer este sábado na clausura da quinta asemblea estatal do partido que se celebra en Madrid.

A única precandidata que logrou os avais suficientes para aspirar a liderar o partido, volverá facer tándem coa eurodeputada Irene Montero como número dous.

"Xente desencantada"

No seu discurso tras a reelección, asegurou que a formación violeta segue "en pé" fronte á "esquerda dócil" de Sumar, co obxectivo de abandeirar unha candidatura "que interpele a xente desencantada cun Goberno ao que de progresista só lle queda o nome".

Dixo que tanto o PP coma o PSOE tiñan o "soño húmido" de que Podemos fora substituída por "unha esquerda dócil".

"Que aceptase o envío de armas a Ucraína, que se asuste cando se desata unha ofensiva xudicial contra a lei do 'só si é si' e que estea no Goberno sen facer ruído e sen conseguir nada", en alusión a Sumar, a formación de Yolanda Díaz.

Belarra reivindicou que Podemos "xamais se rendeu" e segue "en pé", e agradeceu o labor da eurodeputada Irene Montero, á que dixo que necesitan para construír unha candidatura ampla de esquerdas porque, segundo subliñou, "hai alternativa a este réxime de guerra".

"Pídovos que nos acompañedes, que lle deamos todo a Irene e ao equipo que acompañe a Irene nunha candidatura forte, unha candidatura de paz, unha candidatura verdadeiramente valente e patriota, aberta á sociedade civil, que interpele a toda esa xente que está desencantada cun Goberno ao que de progresista só lle queda xa o nome", dixo ante as preto de 1.200 persoas congregadas nesta asemblea, segundo os organizadores.

Críticas ao Goberno e a Sumar

Nun discurso moi combativo e con continuas críticas ao Goberno de coalición e a Sumar, á que non mencionou expresamente, Belarra afirmou que en Podemos van deixar a pel ata que teñan "a forza política e a forza institucional suficiente para frear este rearmamento e este réxime de guerra".

Arremeteu contra a socialdemocracia que, segundo denuncia, neste novo contexto internacional de guerras di "virxenciña que quede como estou" e aposta por "seguir lambéndolles as botas aos Estados Unidos e á OTAN".

Once anos de "superación"

A recentemente elixida secretaria xeral de Podemos sacou peito da historia da formación violeta que, segundo dixo, tras once anos de "superación" e "resiliciencia" ten agora "un coñecemento moito máis profundo de como se fan os cambios".

"Por iso, estou completamente convencida de que o mellor está por vir", dixo con optimismo Belarra, que asegura que "é hora de volver poñer en pé en España unha esquerda de poder e de goberno" que aspire a "cambialo todo". 

Segundo mandato

Belarra afronta un segundo mandato tras a súa elección na anterior asemblea, na que substituíu a Pablo Iglesias cos votos de 45.753 rexistrados e un 86 % dos apoios.

Montero, que recentemente expresou o seu desexo de liderar unha candidatura ampla de esquerdas para as vindeiras eleccións xerais, acompañará de novo a Belarra como man dereita no Consello Cidadán Estatal (órgano de dirección política de Podemos).

Neste órgano volverán estar outros membros da actual dirección que formaban parte da candidatura de Belarra Orgullosamente Podemos, entre eles o secretario de Organización e portavoz do partido, Pablo Fernández; a eurodeputada Isa Serra; e o portavoz no Congreso, Javier Sánchez.

Unha decena de activistas

Como novidade, entre os 98 membros elixidos hai unha decena de activistas, como a líder trans Mar Cambrollé, o exdeputado na Asemblea de Madrid de orixe senegalesa Serigne Mbayé e Francho Aijón, pai dun dos "seis de Zaragoza", encarcerados tras unha protesta contra un mitin de Vox.

Tamén foron elixidos nesta quinta asemblea os seis integrantes da Comisión de Garantías Democráticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade