A alcaldesa de Cambre fai oficial a súa renuncia
A partir de agora ábrese un prazo de dez días para que os grupos políticos da corporación decidan quen será o seguinte alcalde
Desde as últimas eleccións municipais o concello de Cambre xa tivo dous rexedores
María Pan, a rexedora de Unión por Cambre, o partido máis votado con sete concelleiros, facía oficial a súa renuncia nun pleno extraordinario, onde criticaba o bloqueo constante da oposición.
A partir de agora ábrese un prazo de dez días para coñecer quen se fará coa alcaldía. Desde o BNG apostan por formar unha coalición de esquerdas contando cos dous concelleiros de Alternativa dos veciños para gobernar.
O PSOE non desvelou se formará parte desta forza de esquerda pero xa anunciou que presentará candidatura no próximo pleno. Será Diego Alcantarilla, quen tamén criticou a xestión da exalcaldesa.
De non presentarse ningún candidato por parte de Unión por Cambre, o partido no Goberno e os seus sete concelleiros terían que renunciar. O Partido Popular, a segunda lista máis votada, mantense á expectativa.
Haberá que agardar ata o 21 de abril para coñecer quen gobernará Cambre, un concello moi fraccionado que desde as últimas eleccións municipais xa tivo dous rexedores.