Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nace a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un símbolo consensuado

Nace a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un símbolo consensuado

Quedou formalmente constituída este sábado nun acto institucional na igrexa de San Domingos de Bonaval

O padroado está integrado polo Parlamento, a Xunta, o Concello de Santiago e a Arcebispado compostelán

Alfonso Rueda: "Ten que ser o símbolo de Galicia, coas súas diferentes ideoloxías"

G24.gal 12/04/2025 10:14 Última actualización 12/04/2025 16:02

A Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres quedou constituída este sábado nun acto, na igrexa de San Domingos de Bonaval, que contou coa presenza de diferentes autoridades políticas e representantes da sociedade civil.

Baixo a testemuña do notario Manuel Remuñán López, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o arcebispo compostelán, Francisco José Prieto, asinaron a acta.

Este trámite permite pechar o proceso iniciado co desenvolvemento da lei aprobada por unanimidade no verán de 2023 para sacar do limbo xurídico o Panteón, identificado como símbolo de Galicia.

"Símbolo de toda Galicia"

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta asegurou que esta xornada pon de manifesto o "máis importante que ten un pobo, que son os seus símbolos".

"O Panteón ten que ser o símbolo de toda Galicia, coas súas diferentes ideoloxías, pero co obxectivo común de reivindicar a nosa entidade como pobo, fóra de calquera pensamento ideolóxico", remarcou.

Rueda fixo referencia ao "longo proceso, non exento de discusións e desacordos", pero que culminou cun "final feliz". Cualificou a xornada de histórica, porque celebra o entendemento entre as institucións, e animou a seguir pola senda da man tendida.

"Solución consensuada"

Miguel Ángel Santalices comezou lembrando as palabras de Castelao: "Cambiamos os anceios en realidades e as ideas en feitos".

"Facémolo cando se cumpren 75 anos do falecemento do ilustre intelectual galeguista en Bos Aires e no ano que foi declarado Ano Castelao pola Xunta", sinalou.

Ademais, amosou a súa gratitude por dar cumprimento ao mandato previsto na Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, para "preservar o carácter institucional" dun lugar que é "símbolo de concordia".

"Pagaron a pena todos os esforzos e o tempo empregado para ofrecer hoxe a toda a sociedade galega unha solución consensuada que seguro veremos medrar sanamente e libre de conflitos espurios", asegurou.

"Centro de referencia en Galicia"

"Non pode acabar o que é eterno", esgrimiu a rexedora compostelá, lembrando así as verbas de Rosalía. O espazo do Panteón, continuou, convoca "non só a honrar" as figuras que aquí repousan, senón tamén a amosar "o orgullo de Galicia como nación, a felicidade de ser, de ter lingua e identidade".

Goretti Sanmartín manifestou a súa satisfacción por chegar ao acordo para esta formalización e tamén ao compromiso de que sexa un "paso" para que o Panteón se converta "nun centro de referencia" en Galicia.

"Coas portas abertas para que os galegos visiten e para que miles de persoas que cada ano chegan a Santiago atópense tamén aquí con estas figuras que tanto falan de nós", enxalzou.

"Sentir orgullo como galegos"

Antes de comezar o acto, en declaracións aos medios, a voceira nacional do BNG, cualificou a xornada de hoxe como un día "importante, no que sentir orgullo" como galegos.

Para Ana Pontón, a constitución desta Fundación tamén ten que ser "un paso máis" para que o Panteón se coñeza entre o conxunto da sociedade galega e, "moi singularmente", entre a xente nova.

Segundo dixo, "teñen que coñecer" o esforzo de xeracións anteriores ás nosas para "manter a identidade galega e a cultura".

Preservar a memoria e o legado de Galicia

Pola súa banda, a vicevoceira segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, destacou a relevancia desta xornada que ten "xa a súa páxina na historia".

Méndez incidiu na transcendencia deste avance institucional nun momento no que "o PPdeG tenta, moitas veces, reinventar o pasado ao seu antollo". Ante isto, subliñou a importancia de preservar a memoria e o legado de Galicia.

"Se non lembramos o que fomos, estamos destinados a repetir os mesmos erros".

O acto, ao que tamén acudiron diferentes membros do Goberno galego, a Valedora do Pobo, e membros da Comisión Asesora da Fundación, finalizou co himno galego.

Capital inicial

A fundación nace cun capital de 30.000 euros e, de acordo co que se decidiu neste encontro, a cámara galega achegará un 50 % -15.000 euros-. Os 15.000 euros restantes, a razón de 5.000 euros por cada institución, serán aboados por Xunta, o Concello e o Arcebispado, respectivamente.

A Mesa do Parlamento, oída a Xunta de Portavoces, na sesión do 18 de marzo, emitiu consulta positiva respecto á acta constitutiva e aos estatutos da fundación. Tamén publicou o acordo que certifica a autorización, disposición e recoñecemento do importe que achega a cámara.

Os estatutos

Os estatutos da fundación sitúan o seu domicilio na sede do Parlamento de Galicia e determinan como o seu obxectivo honrar a quen se distinguiu en vida "polos servizos prestados a Galicia".

Tamén recollen que o padroado (integrado por representantes das catro institucións fundadoras) dará información "suficiente" dos seus fins e das dúas actividades, conforme á normativa sobre transparencia que sexa aplicable.

Igualmente, garantirase a apertura ao público do Panteón, difundindo e fomentando as visitas a este espazo emblemático ou celebrando actos de recoñecemento e homenaxe ás persoas que están enterradas por parte de organizacións sociais, culturais e políticas.

"Sempre no marco do decoro e do respecto que deben presidir este lugar".

O Arcebispado, unha vez formalizada a cesión da igrexa de San Domingos de Bonaval, de conformidade co establecido nunha das disposicións transitorias da lei, poderá celebrar, de acordo cos seus usos litúrxicos, actos con motivo dos eventos relacionados coas finalidades establecidas.

Para cumprir cos seus fins, a fundación poderá fixar convenios ou protocolos, contratos con persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas; e coordinar as súas actividades con outras que realicen as administracións públicas e demais entidades do sector público.

O padroado -que presidirá o xefe ou xefa do lexislativo autonómico, agora Miguel Santalices- terá "plena liberdade" para determinar as actividades que, ao seu xuízo e dentro do ordenamento xurídico vixente, sexan as máis axeitadas en cada momento.

Protectorado e conservación

Os estatutos recollen que o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias en materia de cultura e no que respecta ao financiamento, sumará os recursos que consten na sección do Parlamento dos orzamentos autonómicos destinados á fundación.

Tamén os que se deriven de contratos e convenios asinados, de rendementos do seu patrimonio, axudas, créditos ou préstamos que lle sexan concedidos ou calquera outro dentro do marco legal aplicable.

Así mesmo, a disposición adicional terceira fai referencia á conservación da igrexa de San Domingos de Bonaval e concreta que as obras de mellora, reparación conservación e mantemento correrán a cargo da Administración autonómica polo tempo de duración da cesión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade