Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Exposición Universal de Osaka abre as súas portas ao público

A Exposición Universal de Osaka abre as súas portas ao público

Participan un total de 158 países e a organización agarda que atraia nos vindeiros seis meses a uns 28 millóns de persoas

Visitantes no Gran Ring, a estrutura de madeira máis grande segundo o Guinness. REUTERS/Issei Kato Visitantes no Gran Ring, a estrutura de madeira máis grande segundo o Guinness. REUTERS/Issei Kato
G24.gal 13/04/2025 08:26 Última actualización 13/04/2025 09:10

A Exposición Universal de Osaka abriu as súas portas ao público este domingo, coa participación de 158 países e a previsión de atraer durante os próximos seis meses a uns 28 millóns de persoas.

Malia a choiva constante que caeu durante a mañá e, segundo puido constatar EFE, unha hora antes da súa apertura, unha multitude fixo cola para entrar ao recinto, situado en Yumeshima, unha illa artificial erixida na baía de Osaka.

Equipado con paraugas e chuvasqueiros, o público comezou a entrar no recinto pasadas as 9:00 horas, tras unha cerimonia inaugural na que as autoridades nipoas cortaron unha cinta vermella e deron a benvida.

O evento ofrece unha mostra de ciencias e tecnoloxías de vangarda, con automóbiles voadores, robots controlados de forma remota, enerxías limpas ou un corazón artificial creado con células pluripotentes, e unha mirada á tradición do Xapón e das culturas de todos os países participantes.

Agárdase que a Exposición, aberta ata o vindeiro 13 de outubro, atraia uns 28 millóns de visitantes, entre eles 3,5 millóns de estranxeiros, segundo datos da organización.

Impacto económico

Varios estudos estiman que o seu impacto económico total estará entre os 2 e os 2,9 billóns de iens (entre os 12.270 e os 17.600 millóns de euros), unha importante inxección de cartos para a cuarta economía mundial, lastrada por un consumo doméstico minguado pola aceleración da inflación.

A isto hai que lle sumar o impacto significativo que vai supoñer a guerra comercial arancelaria iniciada polo presidente estadounidense, Donald Trump.

Con todo, o evento xerou ata o momento un interese modesto entre a poboación nipoa e chega tras unha serie de novas negativas como os sobrecustos da organización ou os atrasos na construción dalgúns pavillóns nacionais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade