Denuncian carreiras ilegais no polígono de Vilanova
Varios condutores que foron identificados participaran en eventos similares noutros polígonos industriais
A Policía Local de Vilanova difundiu imaxes gravadas a vista de dron para concienciar dos perigos, sobre todo, para o público
Queiman roda para caldear o ambiente e a correr!
"Vense derrapaxes, moito ruído, que é un tema de contaminación acústica, o que se coñece como queima de rodas, ..., este tipo de condutas rechamantes", resume Diego Díaz, inspector xefe da Policía Local de Vilanova.
Puro espectáculo e puro perigo!
"Para os participantes pero, sobre todo, para os asistentes que están moi próximos a onde fan ese tipo de manobras co vehículo e o risco de atropelo é grande. Un vai conducindo e fai calquera tipo de manobra, por moita desteza que teña, pode ter un erro e a repercusión é importante porque pode producir danos para as persoas ou os bens", engade Díaz.
Estas imaxes difundidas pola Policía Local de Vilanova foron gravadas no polígono de Baión, a vista de dron, pero tamén recollidas das propias redes sociais dos participantes e das cámaras de seguridade das empresas da zona.
"Nas gravacións que facemos a diario, cada vez que vimos revisamos as cámaras e unha fin de semana, vimos esas carreiras e soubémolo así. O que máis nos chamou a atención foi un turismo trompeando. Debía de haber público, xente e moitos coches que quedaron aquí aparcados diante do local e as carreiras que se producían, trompos, derrapaxes", explica Manuel Fraga Estévez, administrativo de Transportes Líquidos Estévez.
Varios condutores xa foron identificados. Non son da zona. Móvense por distintos polígonos da provincia. Estiveron en Salvaterra, Poio, Tui e Pontevedra, como mínimo. Sábese porque eles mesmo colgaron as imaxes en redes sociais.