Dous gardas civís evitan un suicidio en Ourense
Disuadiron unha persoa que pretendía tirarse dunha ponte na nacional 525
Outro condutor alertou os axentes cando circulaban por esa estrada
O teléfono gratuíto de atención á conduta suicida é 024
Sucedeu nunha ponte sobre a nacional 525. Sobre as dez e cuarto da mañá, cando unha patrulla da Garda Civil de Tráfico circulaba por esa estrada, outro condutor chamou a súa atención.
"Fíxonos un xesto de que había algunha incidencia. Ao pasar pola ponte, xa vin unha moza que estaba detrás do valado", explica Benito Bouzada, un dos axentes da intervención.
Inmediatamente, saíron da calzada e apeáronse do vehículo para socorrela.
"Dicindo 'estate tranquila, non o fagas', porque eu xa vin que a súa intención era tirarse ao baleiro. Incluso chegou a ter só un brazo suxeito ao valado. Ao chegar á súa altura, agarrámola polos brazos e sacámola para beirarrúa e tratamos de tranquilizala", relata Bouzada.
Seguindo o protocolo destes casos, mobilizaron tamén os servizos sanitarios.
"Recibimos o apoio de Seguridade Cidadá e tamén ten que vir sempre na ambulancia un doutor", indica.
Teléfono 024
O suicidio é unha das principais causas de morte violenta en Galicia con algo máis de trescentos casos ao ano, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. O teléfono 024 é un número gratuíto de atención ás persoas en risco de suicidio e os seus familiares e achegados.