O Arcadia inaugura a temporada de cruceiros no porto de Ferrol
Máis de 2.000 cruceiristas gozaron da cidade, cunha degustación de marisco organizada pola Confraría de Pescadores
O porto prevé recibir 20 cruceiros, cuns 19.000 pasaxeiros
Veñen de Southampton, no sur de Inglaterra. Primeira parada, Ferrol. Con que expectativas? Unha parella conta que vén coa idea de visitar o Museo Naval, pero, en xeral, queren pasear, mirar, coñecer, deixarse levar e, como non, gozar cun valor seguro.
Tapas, cafés e, por suposto, marisco. A confraría de pescadores preparou un recibimento de gala para os primeiros cruceiristas da temporada.
Chegaron no Arcadia, un cruceiro que leva vinte anos apostando por este porto. Ferrol pretende superarse. Este ano ten prevista a chegada de 20 cruceiros, o que supón a visita de máis de 19.000 persoas que non só quedan na cidade.
Para a gran maioría, esta é a súa primeira vez en Galicia. Para moitos tamén a primeira vez en cruceiro... e gústalles. Hoxe chegaron máis de 2.000 pasaxeiros, cada un coa súa historia, cos seus motivos. Coma esta parella, de viaxe de noivos con parada en Ferrol.