Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cesáreo Pardal: "A ocupación na Semana Santa oscilará entre o 65 e o 75 %"

Cesáreo Pardal: "A ocupación na Semana Santa oscilará entre o 65 e o 75 %"

Ferrol, Viveiro e Fisterra están entre os destinos máis demandados pola tradición relixiosa

Cada vez veñen máis turistas dos Estados Unidos, o Canadá e Corea para facer o Camiño de Santiago

O turista internacional triplica o gasto do turista nacional

G24.gal 13/04/2025 09:30 Última actualización 13/04/2025 09:30

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia afirma que o nivel de ocupación nos días grandes da Semana Santa –xoves, venres e sábado- pode chegar ao 75 % se o tempo axuda. Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Cesáreo Pardal apuntou que as condicións meteorolóxicas representan un papel fundamental nas reservas de última hora.

"As previsións están arredor do 65-75 %, pero todo vai depender da climatoloxía. É a que vai aumentar ou diminuír esta previsión de ocupación e as reservas de última hora poden representar un 15 % a maiores".

O perfil do turista que vén a Galicia nestas datas é o dunha familia con nenos, procedente de distintos puntos de España e Portugal. Elixen a nosa comunidade, afirma Cesáreo Pardal, pola tradición relixiosa, pero tamén pola gastronomía, o enoturismo ou as rutas de sendeirismo, que cada vez gañan máis adeptos.

"As mellores perspectivas están nos lugares coa Semana Santa con tradición. A zona de Ferrol, de Viveiro -con eses grandes pasos de Semana Santa- pero tamén lugares como Fisterra, Padrón ou o Salnés, que teñen esa tradición e eses pasos tamén están en auxe ano tras ano. E despois, indubidablemente, aquelas zonas xa turísticas por excelencia como poden ser a Costa da Morte, a Ribeira Sacra, A Mariña lucense ou o Val Miñor".

O presidente do Clúster de Turismo afirma que Galicia xoga aínda en desvantaxe pola falta de voos internacionais e a imposibilidade de mercar os billetes do AVE con máis antelación, a diferenza doutras partes de España. Son dúas eivas -sostén Cesáreo Pardal- que se deben corrixir para que os turistas veñan a Galicia durante todo o ano. 

"Fai falta moita planificación para seguir desestacionalizando, temos que intentar seguir atraendo turistas fóra da época estival. En agosto, coa xente que vén a Galicia non fai falta facer promoción, pero si que temos que seguir facendo promoción e seguir optando a ter máis voos nacionais e internacionais e boas comunicacións a través do AVE para que a xente poida vir en calquera data do ano".

Na entrevista da Radio Galega, Cesáreo Pardal explicou que o futuro do turismo en Galicia pasa por aumentar o número de visitantes estranxeiros porque, entre outras cousas, gastan o triplo durante a súa estancia.

Pardal pon o foco nos turistas norteamericanos e nos asiáticos que chegan a Galicia a través da terminal de Saa Carneiro, no Porto.

"Os Estados Unidos e o Canadá son dous mercados moi importantes e cada vez veñen máis estadounidenses e máis canadenses a Galicia, sobre todo a facer o Camiño de Santiago, e temos que reforzar as conexións co aeroporto do Porto e facer promoción da nosa comunidade neses mercados. (...).  Corea tamén é un mercado en auxe e son moitos os peregrinos que veñen facer o camiño por ese irmandamento co Camiño Kodo, en Asia. (...). O turista internacional triplica o gasto do turista nacional e polo tanto é a pata que lle falta ao turismo galego para seguir medrando".

O presidente do Clúster de Turismo asegura que Galicia acadou cifras históricas de visitantes nestes primeiros meses do ano. Se a tendencia se mantén, 2025 pechará –prevé Cesáreo Pardal– cun incremento de entre o 1 e o 2 % con respecto ás cifras do ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade