A Garda Civil de Ourense atenderá os peregrinos dende unha oficina móbil
Tres axentes atenderán a oficina, que permitirá facer trámites en liña e dará servizo tamén á poboación do rural
Foi presentada en Entrimo, que promove a inclusión do camiño Miñoto Ribeiro como ruta xacobea oficial
O concello de Entrimo promove a inclusión do antigo Camiño Miñoto Ribeiro, que une a cidade lusa de Braga con Santiago, como ruta xacobea oficial. Dentro dos itinerarios que optan a esa formalidade, é dos máis transitados.
"Dos sete itinerarios que optan á oficialidade, ao parecer este é o que ten más aceptación, o maior número de usuarios", asegura Ramón Alonso, alcalde de Entrimo.
Este municipio limiao foi o escollido para a presentación dunha unidade móbil coa que a Garda Civil quere ofrecer un servizo de proximidade aos peregrinos que transiten por toda a provincia.
"En principio vai saír mañá e tarde. Cremos que vai ter moita demanda e imos darlle difusión para que sexa coñecida pola poboación, coa idea de ampliar o servizo", sinala Rafael Berguillo tenente xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense.
A oficina ambulante permitirá tamén dar un servizo personalizado á poboación do rural. "Estar no rural, ese é o obxectivo. Irá a todos os concellos onde hai pouca poboación e non exista un acuartelamento da Garda Civil para varias funcións que teñan que ver coa seguridade", comenta Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense.
Tres axentes atenderán a unidade móbil que permitirá facer calquera trámite en liña cos servidores centrais da Benemérita.