Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desmantelada unha rede liderada por un veciño de Melón acusada de estafar empresas do sector do mar

Desmantelada unha rede liderada por un veciño de Melón acusada de estafar empresas do sector do mar

A banda realizaba operacións de compravenda fraudulentas e despois branqueaba os cartos transferindo os beneficios a contas bancarias europeas

A Garda Civil incautouse de documentación relevante no domicilio do líder da banda, que quedou en liberdade á espera de xuízo

 

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 15/04/2025 11:46

A Garda Civil desarticulou unha estrutura empresarial que, presuntamente, cometía delitos de estafa relacionados con produtos do mar e branqueaba as ganancias obtidas.

Nun comunicado sinala que nesta operación, denominada Bipesca, detivo unha persoa en Ourense considerada como o líder da organización, e investigou unha avogada colexiada en Pontevedra e un cidadán de nacionalidade portuguesa como administrador da sociedade que trasladou a súa suposta sede a Zaragoza.

As empresas do mar, o obxectivo desta banda

A investigación comezou tras a denuncia que presentou a finais do ano pasado unha empresa do sector de produtos do mar conxelados con sede en Vigo cuxos responsables aseguraron ser vítima dunha estafa.

Segundo a denuncia, a empresa recibiu un pedido valorado en 90.000 euros, aboado mediante unha nota promisoria a 60 días que resultou non ter validez. A empresa compradora xestionou a operación a través do correo electrónico.

As primeiras indagacións permitiron descubrir que esta mesma empresa xa actuara de maneira similar con outra compañía do mesmo sector en Caldas de Reis (Pontevedra), á que estafara 15.000 euros.

O produto adquirido foi revendido a outras empresas do sector a un prezo inferior, o que xeraba un beneficio rápido.

As ganancias eran transferidas despois a contas bancarias dixitais situadas en diferentes países europeos, o que facilitaba o proceso de branqueo de capitais.

Ademais, detectouse que unha entidade financeira tamén foi vítima desta organización, ao concederlle un préstamo de 8.000 euros que nunca foi devolto.

A empresa implicada comezara a súa actividade de maneira legal, pero posteriormente levou a cabo varias manobras para ocultar as súas operacións fraudulentas e dificultar a súa busca.

Así, os seus responsables cambiaron a razón social por unha máis vinculada ao sector marítimo, trasladaron de forma ficticia a súa sede a Zaragoza e substituíron o seu administrador por unha persoa de nacionalidade brasileira con residencia en Portugal.

A análise dos movementos bancarios e dos datos vinculados ás contas permitiu desmantelar a rede, que estaba articulada, segundo a Garda Civil, co obxectivo de cometer delitos de estafa e branqueo de capitais.

Un veciño de Melón lideraba a organización 

O suposto líder do grupo é un home de 45 anos, residente en Melón (Ourense), foi detido a finais de xaneiro e posto en liberdade á espera de xuízo.

No rexistro do seu domicilio os axentes acharon documentación relevante para a investigación e foi posto en liberdade á espera de xuízo.

A investigación tamén inclúe un home de 30 anos, de nacionalidade portuguesa, considerado como o presunto administrador da empresa, sobre o que pesa unha solicitude de orde europea dirixida ás autoridades lusas.

Ademais, unha avogada de 29 anos, colexiada en Pontevedra, está a ser investigada por recibir na súa conta bancaria importantes sumas de diñeiro procedentes da actividade delituosa e participar, presuntamente, de forma activa no delito de estafa.

Instrúe as dilixencias o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 6 de Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade