Detido un camioneiro en busca e captura tras ser interceptado circulando a 168 km/h entre Santiago e Noia
Detido un camioneiro en busca e captura tras ser interceptado circulando a 168 km/h entre Santiago e Noia
Ao identificar ao home os axentes tiveron constancia dunha orde de busca e captura por un delito de danos, polo que foi detido e trasladado aos calabozos da Garda Civil de Boiro
O condutor foi denunciado por condución temeraria e imputáronselle infraccións polo mal funcionamento do limitador de velocidade, por carecer de autorización para o transporte público e por incumprimento dos tempos de descanso obrigatorio

A Garda Civil detivo o pasado sábado a un camioneiro ao que lle constaba unha orde de busca e captura por un delito de danos tras ser interceptado circulando a 168 quilómetros por hora na estrada CG-1.5, que une Santiago con Noia.
Nun comunicado, a Benemérita explicou que os feitos ocorreron sobre as 4:30 horas da madrugada no marco dunha campaña de vixilancia e control de velocidade da Dirección Xeral de Tráfico. Os axentes observaron como o camión circulaba de forma temeraria, sen manter unha traxectoria estable e realizando vaivéns. Nese momento déuselle o alto ao vehículo, que transportaba produtos perecedoiros.
A inspección do tacógrafo revelou que o camión circulara de forma mantida a 120 quilómetros por hora, chegando a alcanzar o 168 km/h, aínda que a velocidade máxima para estes modelos impide superar o 90 km/h. O camioneiro foi denunciado por un delito de condución temeraria, que implica a perda de seis puntos.
Ademais, imputáronselle infraccións polo mal funcionamento do limitador de velocidade, por carecer de autorización para o transporte público e por diversas infraccións relativas ao incumprimento dos tempos de condución e descanso obrigatorio.
Durante a súa identificación os axentes comprobaron que lle constaba unha orde xudicial de busca e captura por un delito de danos emitida por un xulgado de Xixón. Por iso, foi detido e trasladado aos calabozos da Garda Civil de Boiro, onde permaneceu á espera de ser posto á disposición xudicial.